Asemblea aberta na Coruña para avaliar os incumprimentos do convenio do metal e as accións a realizar

Será o próximo xoves día 23, ás 19:00 horas, no edificio sindical
A Coruña - 20 Nov 2023

O pasado venres, día 10, tivo lugar no edificio sindical da Coruña unha asemblea de delegados e delegadas da CIG no sector do metal para avaliar o cumprimento das condicións recollidas no convenio provincial, despois de trascorrido case ano e medio dende a súa sinatura.

O encontro realizouse tras constatar unha serie de incumprimentos xeneralizados por parte das empresas en distintas materias, como o abono de pluses ou xornada, e sobre todo ante o incumprimento por parte da patronal asinante de incluír os sectores afectados na provincia da Coruña pola subrogación.

A CIG-Industria lembra que as asociacións empresariais adquiriron este compromiso coa parte social e co mediador da Xunta de Galiza no marco do AGA celebrado para determinar a que actividades se debe estender o dereito á subrogación do persoal que xa existe no articulado do convenio de siderometal. Porén, dende o mesmo día da sinatura, a patronal deixou sen efecto este compromiso dilatando as convocatorias da comisión na que se debería resolver esta cuestión e negándolle así este dereito e centos de traballadores/as.

Diante desta parálise, as tres centrais sindicais instaron a patronal a manter unha xuntanza para resolver dunha vez esta problemática, quedando fixada a data para o 22 de novembro. Neste contexto, os delegados e delegadas da CIG do metal acordaron na asemblea do pasado venres lanzar unha convocatoria de asemblea aberta a todo o sector na que expoñer a situación actual do convenio, informar do resultado da reunión coa patronal e avaliar o grao de disposición do empresariado a respectar o pactado.

E neste sentido, de non existir avances significativos que poidan poñer fin de inmediato á discriminación que sofren os traballadores e traballadoras dos sectores non incluídos no dereito á subrogación e de continuar os incumprimentos noutras materias, a CIG proporalle ao sector retomar as mobilizacións para loitar pola recuperación de todos os dereitos.