CIG-Industria cualifica de “campaña de desinformación” da patronal a suposta recuperación do sector naval de Vigo
A CIG-Industria de Vigo sae ao paso do que cualifica como “campaña de desinformación” da patronal sobre unha suposta recuperación do sector naval da ría de Vigo e alerta de que está a xerar “falsas expectativas” nun grande número de desempregados/as. Así o expresaron membros da executiva comarcal da federación na rolda de prensa celebrada este luns, onde negaron que exista un déficit de profesionais e expresaron a sospeita sobre o interese do empresariado en obter fondos para formación.
César Rodríguez, responsábel do naval da CIG-Industria de Vigo, salientou que non existen datos contrastados que apoien o triunfalismo da patronal nos medios de comunicación, que “está a enganar á sociedade” ao falar da necesidade de 2000 ou 3000 novos traballadores para o sector.
Moi ao contrario, “e salvo contadas excepcións” como Freire e Armón, con dúas ou tres unidades en carteira, a maioría de estaleiros están a construír un único pedido e non contan con previsións para o futuro, tal e como sucede en Barreras, Cardama ou Metalships (que acaba de anunciar a entrega do pedido para finais deste ano). A iso súmase, segundo o sindicalista, a situación incerta de Vulcano.
Rodríguez lembrou á patronal que os 10.000 traballadores/as cos que chegou a contar o naval de Vigo en 2007 “non desapareceron da noite para a mañá”, se non que emigraron despois da “desfeita” sufrida no sector a países como Francia, Holanda Noruega ou a Asturias e Euskadi. Outros, indica, víronse na obriga de cambiar de sector ou a xubilarse con pensións miserentas aos 61 anos despois de contribuíren durante anos a levantar o sector, que agora mesmo contaría con arredor de 2000 en activo.
Fronte aos “chamamentos irresponsábeis” de Asime, que está a “xogar coas esperanzas da xente”, denuncia a realidade dun sector precarizado no que a maioría dos casos os traballadores/as “entran e volven saír do paro aos poucos meses”, e onde se está a incumprir diariamente o convenio, algo que enfatizou tamén Quique Fernández, responsábel de organización comarcal da federación.
A recuperación do sector, asegura, producirase “cando se consolide a carga de traballo nunhas condicións dignas”, asegurando a continuidade dos postos e permitindo o retorno do persoal emigrado.
Precarización e sinistralidade laboral
O sector naval da ría de Vigo, segundo a CIG-Industria, non debe perder a súa principal fortaleza e sinal de identidade que o converteu en referencial, contrapondo un modelo de profesionalidade e competencia dos traballadores/as fronte ao do “efecto chamada” que ensaia a patronal.
Neste sentido, alerta dos perigos da incorporación masiva de man de obra sen experiencia previa no sector, o que sumado á precariedade e á falta de control de Inspección podería aumentar o risco de accidentes laborais.
Tamén expresou que, en consecuencia, a CIG permanecerá vixiante ante o aumento da precariedade, denunciando calquera incumprimento da lexislación no sector e solicitando a implicación dos traballadores/as na organización e loita “como única vía para asegurar un futuro digno no sector”.
O negocio da formación
Manuel Simón, responsábel de negociación colectiva e formación da CIG-Industria en Vigo, expresou dúbidas sobre os motivos reais de Asime ao enfatizar a necesidade de cursos de formación, “dando a impresión de que se utiliza esa suposta necesidade de traballadores/as para xustificar o financiamento público dos mesmos”.
Explicou que Aclunaga, o clúster da patronal, obtivo para este ano un millón de euros para formación en toda Galiza coa escusa de formar 800 traballadores/as, unha cifra parella á do ano anterior. “Estariamos falando de 1600 operarios formados en dous anos”, o cal, en teoría, debería suplir as necesidades de persoal que están a difundir.
Porén, e segundo indicou, a central non ten constancia sobre a existencia destes cursos, tan só de charlas de prevención nos estaleiros, albergando a sospeita de que “están a utilizar estes fondos con outras finalidades”. Alén disto, o empresariado conta en exclusiva cun 0,7% que se desconta das nóminas para formación, pero empréganas en cursos alleos á actividade, como idiomas ou informática.
Mobilización do mércores 17
Por todo isto, segundo indicou o secretario comarcal da CIG-Industria de Vigo, Xulio Fernández, a federación convocará unha concentración ante a sede da patronal Asime, en Vigo, para o vindeiro mércores 17 de outubro ás 11 horas, demandando unha reunión na que se informe dos centros onde se vai xerar esa suposta carga de traballo.