CIG-Industria continúa, cunha protesta en Faurencia-Asientos, a campaña contra a precarización laboral e a perda de emprego

Bouzas: “Sempre son os cadros de persoal quen pagan para que as empresas manteñan os seus beneficios”
Vigo - 15 Mai 2019

Delegados e delegadas da CIG-Industria concentráronse este mércores diante da fábrica Faurencia-Asientos de Galicia (no Polígono de Valadares).  Unha mobilización enmarcada na campaña que a Federación está a desenvolver para denunciar a precarización das condicións de traballo e os abusos neste sector, do que é precisamente exemplo esta multinacional, que aplicou recortes salariais ao seu persoal. Ademais rexeitaron os despedimentos que pretende executar a dirección da multinacional, reclamaron aos gobernos políticas que garantan o futuro da industria galega do automóbil e defenderon as alternativas da federación para este sector estrtaéxico para o país.

A decisión de levar a protesta a filial de Faurencia, explica o secretario da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas Aboi, responde á estratexia de precarización laboral e salarial que a multinacional está a aplicar na súa división de asentos, xa que malia os beneficios millonarios obtidos no último ano, a dirección continúa apelando a unha suposta falta de competitividade levar adiante novos recortes e despedimentos.

A escusa da competitividade para recortar condicións

Non hai que esquecer que no ano 2016 a dirección propuxo unha redución salarial de 3.000 euros baixo a escusa de que había que gañar competitividade e así poder optar á adxudicación do novo modelo P24.  Ao tempo, o Grupo Faurencia conseguiu os asentos do Citroen K9, pero subcontratou esta actividade coa auxiliar LEAR (o antigo Grupo Antolín), deixando sen carga de traballo á súa planta de Asientos en Vigo.

A isto hai que sumar que o convenio de empresa a cinco anos asinado por CCOO, UGT, CSIF e CGT implica que os traballadores e as traballadoras non teñan aumentos salariais reais até 2020, para cando se contemplan subas iguais ao IPC. Pero, ademais, para os anos 2018 e 2019 asinaron un ERE temporal e unha redución salarial para cada un destes exercicios de 1740€ e 1000€, respectivamente.

Aínda que nese convenio de empresa se recolle que a empresa non realizará despedimentos durante o tempo de vixencia deste, a realidade é que, a día de hoxe, a dirección de Faurencia-Asientos de Galicia quere precarizar aínda máis as condicións e baralla levar a cabo extincións de contratos por causas obxectivas co obxectivo de recortar o cadro de persoal, a pesar de que nesta planta producirá o novo modelo de PSA Citroen. 

Mais a CIG non vai permitir este incumprimento flagrante do convenio e que a empresa execute despedimentos cando non existen causas que o motiven. Por iso, a representación da CIG solicitou unha reunión co comité para afrontar de maneira conxunta este ataque laboral, "mais para a nosa sorpresa, os sindicatos asinantes do miserento convenio din que non teñen nada que falar coa empresa, demostrando unha vez máis que son cómplices das decisións da dirección e non pensan facer nada ao respecto destes despedimentos".

Diante desta situación, e no marco da campaña da CIG-Industria en defensa do sector, foi que se acordou realizar esta concentración en Asientos de Galicia.

Campaña da CIG-Industria

Esta mobilización forma parte da campaña que a central sindical está a desenvolver en resposta ao crecente deterioro das condicións de traballo neste sector e para reclamarlles ao Goberno español e á Xunta políticas que garantan o futuro da industria galega do automóbil ante a transformación que atravesa pola chegada de novas tecnoloxías e a aprobación da lei de cambio climático e transición enerxética.

De feito, lembrou Bouzas Aboi, a CIG xa se reuniu cos grupos parlamentares o pasado mes de febreiro para presentarlle o documento de propostas da Federación para o sector da automoción e solicitarlles que as convertan en iniciativas parlamentarias para garantir a súa supervivencia. Ademais, está pendente de concretarse unha xuntanza co clúster de empresas da automoción para abordar a situación desta industria e está solicitada tamén reunión coa Xunta de Galiza.

Para a CIG-Industria resulta fundamental apostar por vehículos menos contaminantes (híbridos, eléctricos e híbridos a gas); así como polo coche autónomo, de alto valor engadido, e no que a industria galega está a quedar nunha posición moi feble a respecto doutros países.  O sector da automoción, lembran, é estratéxico para o noso país e fundamental para as bisbarras de Vigo e Ourense.

Estratexia galega de sector

Entre as medidas que permitirían camiñar cara a unha industria da automoción “forte e consolidada” Bouzas Aboi salientou a elaboración unha estratexia galega de sector que permita afrontar os retos derivados da aprobación da lei de cambio climático e transición enerxética, que suporá a desaparición dos motores diésel; contar cunha política enerxética de país que reduza os custes e permita maior competitividade mediante unha tarifa eléctrica propia; implementar un plan de rexuvenecemento dos cadros de persoal para garantir o relevo no sector; e adaptar a formación profesional pública á nova realidade tecnolóxica derivada da coñecida como industria 4.0 ou cuarta revolución industrial.

Por último, o responsábel da CIG-Industria indicou que o documento inclúe tamén unha serie de propostas sectoriais, como a creación dunha mesa galega do automóbil integrada polo Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (CEAGA), as centrais sindicais e as tres universidades; o compromiso de todo o sector de non afondar na precariedade laboral, non abusando da contratación por ETT, multiservizos ou centros especiais de emprego; a aplicación do convenio sectorial ou da empresa principal a todos os traballadores/as do sector; e impulsar un plan galego para a automoción no que se recollan medidas de apoio a I+D+i, especialización para a produción de vehículos de alto valor engadido e optimización de procesos produtivos, “pulando polo aproveitamento das sinerxías entre as factorías principais e a industria secundaria”.