CIG-Industria demanda que se garanta a continuidade de todo o persoal no novo contrato de mantemento de Navantia

Estes/as traballadores/as teñen recoñecido o dereito á subrogación no convenio colectivo
Ferrol - 09 Set 2020

Membros do comité da UTE Tecman-Electrorayma e da CIG-Industria compareceron en rolda de prensa este mércores para informar da situación dos/as traballadores/as que realizan o servizo mantemento de Navantia, actualmente en mans desta UTE, ante o remate a finais de mes do contrato e as intencións da empresa pública de dividir a contrata en paquetes, pondo en perigo o dereito á subrogación que teñen recoñecido estes traballadores e traballadoras.

Serxio Martínez, da Executiva da CIG-Industria de Ferrol, explicou que, meses atrás, o empresario José Ramón Franco, xerente da UTE Tecman-Electrorayma, comunicou a Navantia a decisión de non continuar a partir de setembro co contrato de mantemento dos estaleiros da Ría de Ferrol. Un contrato que ten unha duración de catro anos (1+1+1+1) e que este mes remataba o segundo ano.

"Nestes días, coñecemos a decisión de Navantia de sacalo de novo a concurso a finais de mes, podendo así optar novas empresas a realizar as tarefas de mantemento nos estaleiros", sinalaron. Porén, segundo as informacións que manexa o comité de empresa da UTE Tecman-Electrorayma, o contrato sairá a concurso dividido en varios paquetes, do mesmo xeito que se fixo co actual.

Un dereito "ao que non imos renunciar"

Diante disto, a representación dos/as traballadores/as da UTE (4 CIG, 1 CCOO) e a federación de Industria esixen a Navantia que na adxudicación do novo contrato de mantemento "se garanta a continuidade da totalidade do cadro de persoal actual da UTE". Cómpre lembrar que este persoal ten dereito á subrogación, tal e como está recollido no Convenio Colectivo da Industria Siderometalúrxica da provincia da Coruña. "E é un dereito ao que non imos renunciar", advertiu.

O presidente do comité, Roberto López, indicou que este persoal xa foi subrogada hai dous anos, xa que pertencía á empresa UTE Ferrovial-Elinco, pasando a formar parte de dúas empresas despois da adxudicación do actual contrato. A maior parte destes traballadores e traballadoras integráronse na Ute Tecman-Electrorayma, mentres que un grupo máis reducido pasou a formar parte do cadro de lndasa.

Por último, na comparecencia tamén se recordou que nove traballadores da UTE "xa foron obxecto dun intento de despedimento por parte do xerente da empresa, mais a firme resposta dos seus compañeiros/as, mantendo unha folga indefinida durante moitos días, fixo recuar o empresario".

Con ese conflito na memoria, o comité e a CIG-Industria agardan que a subrogación dos traballadores "se produza con total naturalidade e se manteñan a totalidade dos pastos de traballo".