CIG-Industria esixe a execución inmediata dos contratos das fragatas e insta a Navantia a traballar polo contrato con Barreras

Fai un chamado a organizacións sindicais e políticas para pedir, de maneira unánime, carga de traballo
Ferrol - 08 Feb 2019

A CIG-Industria quere chamar a atención sobre a situación nos estaleiros da ría de Ferrol diante do anuncio do atraso da execución dos contratos das fragatas españolas, a perda dun posíbel contrato para a construción en Fene do casco dun ferrie e as consecuencias do Plan Estratéxico para Navantia, recentemente aprobado. Dende a central sindical faise un chamamento ás organizacións políticas, sindicais e sociais da comarca para que de maneira unánime se esixa carga de traballo inmediata para os estaleiros da ría.

A Ministra de Defensa informaba durante a botadura do BAM que a execución e formalización dos contratos para as fragatas F-110 se ían atrasar cando menos, até o mes de abril ou maio, incumpríndose así as promesas feitas polo propio Goberno español "o que suporá atrasar o inicio das obras até o ano 2021".

A consecuencia deste atraso, advirte a CIG-Industria, "durante ano e medio, no mellor dos casos, non haberá practicamente carga de traballo nos estaleiros", coa destrución de emprego que isto implica para as industrias auxiliares. Por iso, dende a central sindical demándase que de inmediato se execute o contrato das fragatas "e se comece a falar máis de adiantar prazos que de atrasalos. Temos que volver pór o foco de atención no verdadeiro problema do sector: os contratos e a carga de traballo", subliña Ramón Fernández.

Transcendencia do posíbel contrato con Barreras

Neste contexto, xera especial alarma unha noticia como a aparecida esta semana, sobre a posíbel perda dun contrato para construción co casco dun ferrie a causa de diferenzas entre a dirección de Barreras e a dirección de Navantia. Unha actitude que a CIG-Industria considera "lamentábel" tendo en conta o oportuno dun traballo destas características, tanto por tratarse de construción naval civil como polo feito de que o mercado de ferries é o que máis auxe está tendo a nivel internacional.

"Sería unha irresponsabilidade deixar escapar este contrato e, dada a súa transcendencia, a dirección de Navantia debe facer un esforzo para resolver as diferenzas que poidan existir con Barreras e que a posibilidade de que Fene constrúa o casco deste barco sexa unha realidade. E chamamos tamén a todas as organizacións sindicais para que se sumen a esta esixencia", apunta Fernández.

Neste senso, a CIG-Industria teme a que esta falta de entendemento entre direccións de empresas, responda en realidade a estratexia política contemplada no Plan Estratéxico de Navantia, que determina distintos niveis de especialización dos estaleiros,  e que mantén as instalacións de Fene como un simple taller auxiliar de Ferrol.

Necesidade de crear un Complexo Integral da Construción Naval

Fronte a esta visión, a CIG continúa a defender a necesidade de camiñar cara un Complexo Integral da Construción Naval na ría de Ferrol, que abranga a construción civil, militar, offshore e de reparacións e que funcione como unha unidade territorial autónoma, con representación da Xunta de Galiza, tanto no capital social como no Consello de Administración.

A CIG-Industria reitera o chamado á organizacións políticas, sindicais e comités para facer unha fronte común para esixir do Goberno a execución inmediata dos contratos das fragatas, reclamar a Navantia que pelexe polo contrato do ferrie e que se redobren esforzos na procura de carga de traballo que garanta o emprego na empresa principal e nas industrias auxiliares, "porque o naval segue a ser o principal e único motor económico desta comarca".

Asemblea de delegados e delegadas do naval

Precisamente, a CIG-Industria celebrou esta mañá unha asemblea de delegados e delegadas do naval para avaliar a situación do sector, analizar a situación laboral nas auxiliares e deseñar a accións sindical a desenvolver no camiño de esixir carga de traballo para os estaleiros.