CIG-Industria Ferrol apoia a folga do persoal de Maessa Naval S.L.U. e Empse
A Federación de Industria da CIG Ferrol vén de amosar o seu apoio aos compañeiros e compañeiras de Maessa Naval S.L.U e de Empse na folga indefinida que teñen convocada pola pretensión da empresa de imporlles un calendario laboral para o ano 2024 no que se pretende repartir en minutos os sete días de exceso de xornada que lles corresponden.
A CIG-Industria considera que “este xeito perverso de interpretar o exceso de xornada é unha argucia que supón, de facto, que o persoal non goce deses sete días que lles corresponden por lei”.
Desde a Federación de Industria da CIG afirman que “sempre defendemos que este tempo ten que servir para ter menor presenza nos centros de traballo e non para saír dez ou quince minutos antes cada día”.
Nese sentido, matizan que “quen coñece o sector sabe que saír uns minutos antes é moi difícil e mesmo inviable, polo que, ao final, o persoal remata por perder ese tempo”.
Por iso fai un chamamento á participación na concentración que vai realizar o persoal mañá, martes 13 de febreiro, de 09:00h a 11:00h, diante da porta principal de Navantia Ferrol por canto considera que esta actitude de Maessa de pretender impor un calendario vulnera gravemente os dereitos do seu persoal.