CIG-Industria leva ao Parlamento a demanda de alternativas de futuro para o sector da automoción
Unha representación da CIG-Industria reuniuse esta mañá no Parlamento galego cunha representación do BNG para achegar as propostas da central sindical para garantir o futuro do sector de automoción. Na xuntanza, a primeira das que se celebran tras ser solicitada con todos os grupos, fixeron entrega do documento elaborado pola federación e demandaron da Xunta de Galiza que lidere a transformación do sector para enfrontar o proceso de transición enerxética xa en marcha.
Ao remate da xuntanza, Xoán Xosé Bouzas, secretario nacional da CIG-Industria, subliñou a importancia estratéxica do sector da automoción mais lamentou que non se estean adoptando medidas para adaptalo ás necesidades que terá nun futuro inmediato.
Demanda da planta de baterías en Galiza
Lembrou que neste intre está en pleno debate o uso do coche eléctrico e as limitacións de mobilidade que terán os vehículos impulsados por enerxías fósiles en cidades de máis de 50.000 habitantes. Neste sentido advertiu que “a nivel galego non sabemos que impacto vai ter porque por parte da planta de automóbiles, neste caso de PSA Citröen de Vigo, descoñecemos se vai instalar a planta de baterías aquí ou non”.
Xunto a isto sinalou a problemática que está xurdindo cos suministros procedentes de Asia, nomeadamente dos microchips. Por iso demandou que ese tipo de compoñentes para o coche do futuro se fabriquen no país, “para non estar pendentes de que cheguen ou non doutros países”.
No referido aos novos combustibles, como biodiesel, gas ou os coches híbridos, denunciou que tampouco hai unha planificación, nin se sabe que ocorrerá con isto no futuro. “Referímonos aos puntos de carga, de conexión e demais”, matizou e denunciou que “está todo por facer”.
Fondos europeos
Por iso Bouzas demandou que parte dos fondos europeos se destinen a planificar o futuro do sector. Denunciou que nin se sabe para que se van destinar estes fondos e que “descoñecemos que haxa nin un só proxecto para que este sector do que tantos postos de traballo dependen, teña un futuro garantido”.
Bouzas tamén se referiu aos EREs en marcha que afectan a miles de postos de traballo tanto da empresa principal como das auxiliares. Neste sentido denunciou que “a reforma laboral está propiciando que as empresas poidan acollerse a expedientes de regulación de emprego sen control da administración pública” e demandou que sexa preceptivo que teñan autorización administrativa.
Para iso lembrou que é necesaria a derrogación da reforma laboral e que sexa a administración a que controle porque no propio sector da automoción “está concedendo moitas subvencións nesas empresas sen que despois se controle para que se usa, porque a nós dános que moitas veces non se dedica ao que se ten que dedicar senón a proxectos que despois as empresas non desenvolven no noso país senón que os fan deslocalizando as plantas de traballo e a traballadores a outras zonas do estado ou a outras zonas fóra do estado ou mesmo a países de África”.