• Nova

CIG-Industria mobilízase en demanda de políticas públicas que garantan a supervivencia da industria galega

Non aceptará incrementos salariais inferiores ao IPC real para poder enfrontar a carestía da vida
Nacional - 05 Abr 2022

Delegadas e delegados da CIG-Industria chegados de empresas de toda Galiza manifestáronse esta mañá polas rúas de Compostela para denunciar a “falla de políticas públicas para defender os nosos sectores produtivos” e as graves consecuencias que para a clase traballadora está a ter o incremento de prezos dos produtos básicos, nomeadamente os da enerxía, que afectan non só ás familias senón tamén ao noso sector industrial.

A manifestación partiu do campus Sur da universidade de Santiago e percorreu o centro da capital de Galiza para rematar diante do edificio administrativo da Xunta, en San Caetano, onde o secretario nacional, Xoán Xosé Bouzas, denunciou que Galiza perdeu 1 de cada 5 empregos industriais nos últimos 13 anos, pasando dos 154.860 ocupados e ocupadas en 2008, a 121.305 na actualidade. Un período que coincidiu cos anos de goberno de Núñez Feijóo, ao que responsabilizou pola ausencia “clamorosa” da Xunta que, malia ter todas as competencias na materia, “foi incapaz de deseñar, articular e desenvolver unha política industrial que respondera ás necesidades do sector industrial”.

Bouzas fixo un percorrido de Norte a Sur do país e de sector a sector. Así denunciou a  descarbonización como “un proceso de desmantelamento, para nada de transición” con graves consecuencias, como o peche das centrais térmicas ou as ameazas constantes para as industrias electrointensivas, o sector naval, o sector da automoción, os carburantes e biocombustibles, as telecomunicacións ou o sector eólico, entre outros.

Lembrou que para as centrais térmicas a CIG propuxo como alternativa que as empresas eléctricas que as explotaban tiveran que dar garantía de emprego para o persoal, tanto da principal como das auxiliares, e buscar solucións industriais e laborais se querían manter a capacidade de evacuación na rede ou acudir a poxa de enerxías renovables.

Apuntou que no sector naval na ría de Vigo lévanse perdido, no último ano, máis de 300 empregos, a pesar do que “seguimos sen ter, por parte das administracións, solucións reais que aseguren a continuidade da actividade e do emprego nos grandes estaleiros”, con Vulcano pechado e Barreras en concurso de acredores e a punto de venderse a unidade produtiva, sen ningunha garantía de subrogación de todo o cadro de persoal, nun sector estratéxico para a nosa economía como é o sector naval.

Respecto da ría de Ferrol lembrou que a CIG leva tempo denunciado o incumprimento do Plan Estratéxico e o contrato de execución das fragatas F110. Por iso exixiu, máis unha vez, a ampliación e modernización do estaleiro de Navantia en Ferrol; a construción do novo dique cuberto; o dique para carenas; o desenvolvemento do potencial da fabrica de turbinas cara as enerxías renovables e a volta a construción naval civil na factoría de Fene.

Tarifa eléctrica estable e predicible

Canto ás empresas electrointensivas, considerou que o Estatuto aprobado “non supuxo ningún avance”, porque seguen na incerteza polo prezo da enerxía. Por iso reclamou unha tarifa industrial “estable, predicible que garanta o emprego e a continuidade dos procesos produtivos”. Lembrou que foi a CIG quen propuxo a creación dunha tarifa eléctrica para esta industria e que, porén, as administracións non fixeron nada.

Tamén se referiu ao sector da automoción, en plena descarbonización e dixitalización dos procesos produtivos, en pleno proceso de transición enerxética a finais de febreiro de 2022, onde de 15.454 traballadores/as, hai agora 1.095 empregos menos que fai un ano, cunha caída do 6.6%. E denunciou a deslocalización das empresas, a falla de compromisos por parte dos gobernos galego e do Estado por este sector estratéxico da nosa economía que “ fan cambalear os cimentos dunha industria clave para o noso país”.

Planta de baterías

Bouzas reclamou novamente a planta de baterías en Galiza, e que as fabricas de compoñentes estean a carón da industria principal para que semicondutores e michochips se fabriquen aquí. “Só fan falla inverstimentos e vontade política”, dixo. Por iso exixiu á Xunta que lidere a transformación da automoción para garantir o futuro do sector.

Xunto a este, denunciou tamén a deslocalización e externalización dos servizos e a precarización dos postos de traballo creados a través de empresas auxiliares no sector das telecomunicacións, para o que a CIG tamén propuxo medidas concretas ás que a Xunta “fixo caso omiso”. Ademais lembrou a situación da refinaría da Coruña, en risco tamén pola transición enerxética ou a das denominadas enerxías “verdes”: as eólicas ou as solares, “colocadas nos nosos montes ou nas nosas terras, mesmo nas nosas reservas naturais”, aproveitando un recurso “gratis” como o vento mais aproveitadas por “compañías que son as que levan os beneficios”.

A ese respecto, fixo tamén mención da hidráulica, outra das formas de produción eléctrica que máis beneficios xera e que volve estar en auxe con novos proxectos en marcha. Unha enerxía que se produce, lembrou, “co asolagamento dos nosos vales, dos nosos ríos, dos nosos pobos” mentres “a explotación e os lucros lévanos esas compañías” que obteñen os recursos tamén “gratis” mentres nos “soben os prezos”.

Sobre esta cuestión lembrou a ILP presentada pola CIG para o rescate dos saltos e aproveitamentos hidráulicos. “Unha iniciativa real para garantir que a enerxía sexa un servizo público” e que foi rexeitada polo PP no Parlamento mentres que empresas eléctricas con centrais hidráulicas, como Iberdrola, Endesa, Naturgy, Repsol e os seus beneficiarios,  obtiveron 856 millóns de euros no ano 2021 e por enriba dos 4.000 millóns na última década.

Por iso exixiu podermos decidir sobre os nosos recursos e poder ter unha enerxía ao servizo do pobo: “unha tarifa eléctrica galega e unha empresa pública galega de electricidade”.

Derrogación das reformas laborais

Xoán Xosé Bouzas cuestionou o goberno “mal chamado progresista” do PSOE/Unidas Podemos por “mentir e defraudar a clase traballadora coa non derrogación das reformas laborais do PP”. Considerou que as solucións non son ampliar de 6 a 12 meses os contratos eventuais, nin fixos descontinuos que non saben cando van ter traballo efectivo, nin ERTES REDE para moitos sectores, porque “o emprego fixo e estable non se consigue así”.

Fronte a iso demandou para o sector da industria a derrogación das reformas laborais; coeficientes redutores para os traballos máis penosos, tóxicos e perigosos naqueles sectores de actividade que o demanden polas condicións laborais; poder acceder á xubilación parcial a partir dos 61 anos, con contrato relevo 85/15; xubilación aos 65 anos e non aos 67; xornada de 35 horas semanais para conciliar e, sobre todo, como dixo ao final da súa intervención, garantir un incremento salarial que permita enfrontar a carestía da vida.

Carestía da vida

Canto á “carreira descontrolada dos prezos” dixo que “non pode erosionar o poder adquisitivo” e anunciou que na negociación colectiva para este 2022, “temos que presionar para que os salarios suban, como mínimo, tanto como a inflación” para evitar que continúe avanzando a perda de poder adquisitivo. Por iso exixiu que todos os convenios teñan cláusula de revisión salarial a IPC real e con garantía do cobro dos atrasos.

“O V Acordo Interconfederal polo emprego e a negociación colectiva, no que CCOO, UGT e a patronal están a negociar non poden por tope nin freo a estas reivindicacións, non se pode sacrificar máis os salarios” asegurou. Como tamén clamou contra o pacto de rendas proposto polo Goberno “se iso supón minorar ou estancar o poder de compra das familias”, porque “a recuperación económica non pode ser a conta dos salarios da clase traballadora, isto ten que ir os beneficios das empresas”, concluíu.