CIG-Industria presenta aos grupos parlamentares as súas propostas para o sector de automoción

Valora positivamente as xuntanzas cos representantes políticos
Nacional - 21 Feb 2019

Representantes da automoción da CIG-Industria reuníronse esta mañá con representantes dos grupos parlamentarios do PP, BNG e En Marea para trasladarlles a problemática á que se enfronta este sector estratéxico para Galiza tra da proposta de Lei de Transición Enerxética do PSOE; facer entrega dun documento no que se recollen as propostas da federación e solicitarlles que as convertan en iniciativas parlamentarias para garantir a súa supervivencia. Entre mentres, delegados e delegadas concentrábanse ás portas do Pazo do Hórreo para demandar “Emprego e salarios dignos” no sector.

O único grupo parlamentario que non os recibiu, segundo explicaron por “problemas de axenda”, foi o PSOE. Unha xustificación que non convenceu aos representantes da CIG. A este respecto, o secretario confederal de Negociación Colectiva, Francisco González Sío denunciou que “a problemática do diesel vén pola redución de emisións que nas vindeiras décadas prevé a Lei de Transición Ecolóxica”.

Por iso considerou que o feito de que o PSOE declinara a xuntanza “cando eles saben que se vai crear nun futuro no sector do automóbil un problema. Parécenos que é non ter clara a lista de prioridades, máis coa problemática que ten o sector industrial en Galiza, tanto no Norte coa cuestión da electricidade, como no Sur coa problemática que vai ter o sector do automóbil”.

No mesmo sentido, o secretario nacional de CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas, asegurou que “non entendemos como un grupo parlamentario como o PSOE utiliza esa escusa para non nos recibir. Dábanos igual que fose unha persoa que outra”. Con todo asegurou que, como xesto, deixaríanlles igualmente as propostas e “se eles teñen a ben ter a reunión con nós xa nos dirán un día e unha hora. Non teremos problema en facelo, pero a súa deixadez saberán eles por que é”.

Boa receptividade

Bouzas valorou positivamente tanto as xuntanzas como os compromisos adquiridos por parte dos grupos parlamentarios. Segundo explicou ao seu remate, desde o PP comprometéronse a trasladar as propostas da CIG-Industria tanto ao Grupo parlamentar, como ao goberno que sustentan.

Por parte do BNG, Montse Prado comprometeuse a iniciar as xestións pertinentes para desenvolver as iniciativas que sexan necesarias para desenvolver o documento e En Marea tamén manifestou o seu apoio.

Propostas para garantir o futuro do sector

O secretario nacional da CIG-Industria sinalou a preocupación da federación polo futuro do sector. Explicou que a Lei de Transición Enerxética “contempla que desapareza o diesel, cun período de vida moi curto” e que alí onde non desapareza están previstas toda unha serie de medidas, “desde o aumento dos impostos a este carburante, até restricións en cidades de máis de 50.000 habitantes que van prohibir a circulación de vehículos contaminantes”, ademais doutras que  irremediablemente se irán sumando a estas restricións.

Diante deste panorama, o que máis preocupa, xa que logo, é que a principal empresa, PSA Citroën, “non está preparada para facer esa transición”, porque a maioría dos modelos que fabrica, neste momento, son as furgonetas para transporte de profesionais de mercadorías e “todas son diesel. Polo tanto non está á altura do mercado, porque son vehículos de baixo custo, con mecánicas moi sinxelas para que sexan baratas. Calquera cambio no mercado que pase por restrinxir o diesel e apostar por tecnoloxías menos contaminantes pon en serios problemas este sector no noso país".

Bouzas considerou que ten que apostar polos coches híbridos, tanto co eléctrico, como a gas e lamentou que “nin se ve que a medio prazo a aposta sexa por aí, nin se ve que o vaia facer a longo prazo” o que fai temer que quede “obsoleta” e que isto afecte tamén ás auxiliares.

Tarifa galega e formación

O segundo piar para o secretario nacional de Industria é a cuestión enerxética. A este respecto demandou que Galiza, “tanto como produtora, como exportadora, como consumidora de enerxía eléctrica” teña uns prezo especiais. Unha tarifa eléctrica como a que se reclama para a industria electrointensiva, porque iso redundaría na capacidade produtiva e nos custos.

Xunto a isto, a CIG-Industria reclama formación específica, porque hai un “divorcio total” entre o que se ofrece desde a universidade e a formación profesional, ao que piden e necesitan as empresas e o que estas ofrecen aos seus traballadores/as. “Non hai, por parte da administración, ningún plan concreto que defina como vai ser a transición cara a industria 4.0 e o preocupante é que hai un montón de traballadores e traballadoras que van quedar na rúa porque non van estar capacitados para esa industria, nin a universidade ten previsto formalos para o que as empresas demanden”, advertiu.

Melloras laborais e sociais

Ademais destas propostas, a CIG-Industria demanda rematar coa precariedade e rexuvenecer cadros de persoal. Para iso defende favorecer a xubilación parcial, denegada para o persoal do sector por mor da reforma laboral, aínda que as de automoción sexan empresas manufactureiras, e que se apliquen coeficientes redutores polo traballo “repetitivo, penoso e moi duro” que desenvolven, facilitando así a xubilación anticipada. Ambas medidas que favorecerían a creación de emprego.

Bouzas rexeitou tamén, pola precarización das condicións laborais que provocan, a externalización de servizos, empresas subcontratadas, empresas de traballo temporal, empresas multiservizos ou centros especiais de emprego. Fronte a isto exixiu que as empresas principais garantan que quen traballe na industria da automoción teña, como mínimo, as mesmas condicións da empresa e dos convenios principais, sexan de Químicas, do Metal ou do Téxtil.

A federación de Industria reclama, xunto a estas cuestión, mais investimentos en I+D+I, cun programa controlado pola propia administración que vaia ligado á creación de emprego e á permanencia no posto de traballo. “Non é dar cartos para que aquí se faga ese tipo de innovación pero se aplique en novos centros”.

Mesa Galega da Automoción

Para abordar todas estas cuestión a CIG-Industria propón a creación dunha Mesa Galega da Automoción na que terían que estar o Clúster das empresas de Automoción, as centrais sindicais con representación no sector e a Universidade para elaborar unha proposta conxunta que presentar ás organizacións políticas.

Nas súas previsións a federación ten previsto solicitar xuntanzas tanto co Presidente da Xunta como co conselleiro de Industria e Emprego para que tomen en consideración estas iniciativas que xa fixeron chegar a PSA e ao Clúster á espera de seren recibidos; levar os debates aos centros de traballo, comités de empresa e delegados/as de persoal. Mais “como sabemos que estas cousas non se conseguen doutro xeito que non sexa mobilizándonos pois é o que seguiremos facendo nos próximos meses”, concluíu Xoán Xosé Bouzas.