Persoas delegadas da CIG-Industria en Ferrol concentráronse este mediodía diante de Navantia Fene para denunciar a grave situación na que se atopan as instalacións pola falta de carga de traballo, de investimentos que garantan a súa viabilidade e de contratación directa.
O secretario comarcal da CIG-Industria, Serxio Martínez, criticou que non se aposte de maneira clara polo futuro do centro de Navantia Fene “que parece que, na práctica, está sendo condenado por parte da empresa e das administracións competentes ao seu peche”. Advirte que “non nos podemos conformar co discurso triunfalista da carga de traballo no estaleiro de Ferrol para varios anos”, senón que cómpre pensar a longo prazo no futuro da comarca e “no papel fundamental que xogan os estaleiros na súa economía”.
Por iso, ás portas das instalacións de Fene, subliñou que é imprescindíbel dotar a este centro de traballo con contratos propios que permitan garantir a súa viabilidade “e non deixalo como unha simple auxiliar do estaleiro de Ferrol construíndo algúns bloques”. Neste senso, Martínez cualificou de “curioso” que Navantia Seanergies tomara a decisión de concentrar toda a súa actividade en Fene “xusto no momento no que se dá unha total falta de encargos a curto e medio prazo”.
Máis persoal propio e infraestruturas
Reclamou tamén un incremento do cadro de persoal propio para as instalacións de Fene, proporcional ao do resto de estaleiros públicos. “Non pode ser que Fene quede sempre fóra das incorporacións de persoal. Estamos antes unha discriminación total cara a este centro”, aseverou o secretario comarcal da CIG-Industria.
Martínez demandou que se executen os investimentos necesarios para facer competitivo o estaleiro e que poida ter actividade no futuro. “Levamos moitos anos reivindicando a construción dun dique de grandes dimensión no que se poida afrontar tanto a reparación ou transformación de grandes buques coma novas construcións”, lembrou.
Porén, a día de hoxe “aquí non se pode facer ningunha destas actividades e se a isto lle sumamos a carencia de contratos no ámbito de Seanergies, estase condenado a estas instalacións ao peche”.
A este conxunto de reivindicacións cómpre darlle solución a través da negociación coas centrais industriais do Plan Industrial “que debe recoller os investimentos, as infraestruturas e os incrementos do cadro de persoal solicitados para os dous centros de traballo de Navantia na ría de Ferrol”. Porque, reiterou, para poder garantir a competencia no mercado “resulta imprescindíbel dispor de novos diques de reparacións e novas construcións en Fene e Ferrol”.