CIG-Industria reivindica a creación do Complexo Integral da Construción Naval para superar a dependencia do sector militar

O persoal de Navantia e das auxiliares seguen as mobilizacións pola carga de traballo

Ferrol -

Traballadores e traballadoras do naval volveron saír este xoves ás rúas para esixir carga de traballo inmediata que palíe a caída na ocupación entre o remate dos buques australianos e o inicio da construción das fragatas F-110. Noutro "xoves do naval" o persoal saíu a pé dos estaleiros de Fene e Ferrol para confluír na avenida da Gándara e marchar conxuntamente en manifestación até o Concello de Ferrol.

As reivindicacións para o naval, ao Congreso

A mobilización ten lugar un día despois de que representantes da CIG-Industria e delegados da central nas industrias auxiliares se trasladaran até Madrid para reivindicar a creación do Complexo Integral para a Construción Naval que permita superar a dependencia do sector militar á que están sometidos os estaleiros da ría de Ferrol e a periódica expulsión ao desemprego e a emigración que isto conleva para o persoal das subcontratas.

A visita fíxose con motivo do rexistro por parte do BNG dunha Proposición Non de Lei, a instancias da CIG, demandando a constitución deste complexo e a dotación de carga de traballo inmediata para os estaleiros, así como adiantar o programa de construción das fragatas F-110. "Estamos ás portas dun deserto que vai expulsar do mercado de traballo a moitos compañeiros e compañeiras das industrias auxiliares", advertía Ramón Fernández, da CIG-Industria.

Neste senso, subliñou que "mentres non se rache con ese veto de facto para que poidamos dedicarnos á construción naval civil, Ferrol non será capaz de remontar o volume de contratos e o número de empregos". Lembrou que no seu momento os estaleiros da ría chegaron a dar traballo a máis de 15.000 persoas "cando hoxe son apenas 3.000".

Fernández Alfonzo apuntou que os máis de 1.800.000 m2 de superficie que ocupan os dous estaleiros son propiedade pública, polo que sinalou á dobre responsabilidade do Goberno español con Ferrolterra: a propia de calquera Administración na defensa dos empregos e do tecido industrial, mais tamén como principal empresa da comarca. "Eses case dous millóns de metros cadrados están na mellor localización posíbel para dedicalos á construción naval civil, militar, potenciar turbinas, carenas e todos os sectores que aquí se poden desenvolver", aseverou.

Unidade territorial con competencias de xestión

A creación do complexo integral é unha vella reivindicación da CIG para converter os estaleiros de Fene e Ferrol nunha unidade territorial con dirección única e competencias plenas de xestión para adoptar as medidas en materia de enxeñaría, I+D+I, financeiras, de inversión, definición de produtos, sociais ou produtivas, que permitan optimizar os resultados e maximizar as sinerxías entre as diferentes áreas de actividade.

Nesta liña é necesario afrontar as melloras nas instalacións e infraestruturas do estaleiro (o que implica necesariamente a construción do novo dique); así como potenciar turbinas para poder converter Ferrol nun referente nos sistemas de propulsión e mobilidade marítima e situarse na mellor posición no mercado eólico mariño. De igual xeito, dotar Fene de persoal de xestión, técnico e produtivo para poder afrontar proxectos de construción naval civil.

Xunto a isto, a CIG leva anos demandando que se cumpra o recollido na Lei do Sector Naval de Galiza e que a Xunta entre no Consello de Administración de Navantia, abrindo a posibilidade mesmo á participación no capital social da empresa pública. Isto favorecía tamén un marco para que os Gobernos galego e español lanzaran de xeito conxunto iniciativas destinadas á efectiva reindustrialización da comarca de Ferrol, dando prioridade á industria e servizos complementarios da construción naval.

Na PNL tamén se recolle a demanda de que o persoal das auxiliares que se vexa expulsado do mercado laboral por causa da caída de ocupación poida acceder á xubilación en idénticas condicións que o persoal propio de Navantia. "Este é o colectivo de traballadores/as máis vulnerábel do sector ante as baixadas da carga de traballo. Por iso pedímoslle ao Goberno que artelle as medidas necesarias para garantir unha xubilación digna nas mesmas condicións que o persoal da principal".

 

Respecto polas condicións laborais e as liberdades sindicais

Outro punto relevante recollido na proposta non de lei é o referido ao respecto ás condicións laborais e salariais do persoal das auxiliares. Para isto pídese a incorporación  nos pregos de contratación de Navantia da obriga de que se aplique o convenio colectivo do metal ás traballadoras e aos traballadores que presten servizos dentro dos estaleiros, con especial atención ás clúasulas que fan referencia específica á industria auxiliar ou a outros dereitos recoñecidos como o da subrogación. Deste xeito evitaríanse problemáticas como as que se dan coas empresas que teñen convenios propios ou que aplican convenios diferentes como o da construción.

Xunto a isto, abógase por implentar unha política de máximo respecto polos dereitos fundamentais -como o de libre sindicación ou o exercicio á folga-, tanto na propia Navantia como nas contratas, e que se tomen medidas para evitar que se vulneren estes dereitos. Unha destas medidas pasaría por impedir a participación nos procesos de contratación daquelas empresas ou persoas responsábeis destas vulneracións. "Isto é unha cuestión moi relevante porque nas auxiliares son habituais os casos de represalias a traballadores/as por ir de candidatos/as nas eleccións sindicais, participar nas mobilizacións ou simplemente pedir melloras laborais ou salariais", denuncia Fernández Alfonzo.

Pon o exemplo dos tres delegados da CIG en Maessa (do Grupo ACS) que foron sancionados pola empresa por acudir a unha mobilización dos traballadores/as de Poligal na defensa dos seus empregos, na que se pediu o apoio do sector naval que solidariamente saiu á rúa ese día. "Esta é a última das represalias que Maessa toma contra a representación da CIG. Por iso, para evitar que se repitan este tipo de abusos patronais, pedimos que se adopten as medidas necesarias".

Volver