CIG-Industria reuniuse coa subdelegada do Goberno na Coruña para abordar a implantación de coeficientes redutores no naval

A central ten en marcha unha campaña para debater e sensibilizar sobre esta reivindicación do sector
Nacional - 03 Mai 2019

Representantes da CIG-Industria reuníronse hoxe coa subdelegada do Goberno na Coruña para abordar a demanda de implantación de coeficientes redutores no sector naval. O encontro foi solicitado no marco da campaña que a CIG está a desenvolver para abrir o debate e sensibilizar as distintas administración implicadas neste proceso sobre a necesidade de avanzar nesta reivindicación laboral.

Na xuntanza participaron o secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas Aboi, o coordinador do sector naval da CIG e membro do comité de Navantia, Marcelino Amado, César Rodríguez, responsábel do naval da CIG-Industria de Vigo, e Ramón Fernández Afonzo, da Executiva da CIG-Industria.

Expuxéronlle á subdelegada do Goberno que, do mesmo xeito que estes coeficientes xa existen para o mar ou a minaría, dadas as condicións nas que se traballa nestes sectores, "polas súas características, o naval tamén debe ter unha regulación semellante e favorecerse o acceso á xubilación nunha idade e cunhas condicións dignas". Ademais, engaden Bouzas, esta sería unha medida para manter e rexuvenecer o emprego neste sector.

As estatísticas non reflicten a realidade do sector

A CIG-Industria advertiu que hai datos de enfermidades e patoloxías relacionadas coa actividade laboral neste sector que non aparecen nas estatísticas porque están mal encadradas como continxencias comúns e que hai que ter en conta que determinados procesos e produtos que se substituíron non estarán plenamente testados até dentro de moito tempo. Xunto a isto, fixeron fincapé no impacto que ten nas condicións de traballo a elevada taxa de eventualidade que rexistra o sector e que provoca que traballadores/as de certa idade se vexan "expulsados" desta actividade.

A demostración desta realidade, aseveraron, está na propia formulación do Plan Industrial de Navantia, concibido como un "plan de rexuvenecemento" dos cadros de persoal. Esta "expulsión" do naval dos/as operarios/as a partir de determinada idade xunto coas continxencias mal encadraras "dan como resultado unhas estatísticas moi edulcoradas".

Pola súa banda, a subdelegada do Goberno na Coruña comprometeuse a dirixirse á Dirección Xeral de Ordenación da Seguridade Social para xestionar unha reunión coa CIG-Industria, xa que a central solicitou hai meses unha xuntanza con este organismo sen que até o momento deran resposta de ningún tipo.

Recollida de apoios institucionais e nos centros de traballo

Hai que lembrar que a CIG ten en marcha dende hai meses unha campaña para instar o Ministerio de Traballo e Seguridade Social a que inicie os trámites legais para o establecemento des coeficientes redutores da idade de xubilación para os traballadores e traballadoras do sector naval (tanto nas empresas públicas como nas privadas, así como a industria auxiliar), e poder dar así resposta a unha reivindicación que dende hai tempo se vén debatendo entre o persoal do sector.

Neste marco, a central xa mantivo unha xuntanza coa secretaria xeral de Emprego e a subdirectora xeral de Relacións Laborais da Consellaría de Traballo, a quen lle solicitaron colaboración de carácter técnico-administrativo  e o apoio e o respaldo político da Xunta á esta demanda laboral.

Alén dos contactos institucionais, a Federación de Industria estivo recollendo tamén apoios nos centros de traballo e o pasado mes de febreiro entregou no rexistro da Delegación do Goberno uns 30 pronunciamentos de comités, delegados/as de persoal e seccións sindicais, "que representan a uns 3.500 traballadores/as do naval de Ferrolterra e a uns 2.000 do naval da área de Vigo", recalcou o secretario nacional da CIG-Industria. Os escritos foron asinados tanto en empresas onde a CIG ten a maioría da representación, como nas que non ostenta esta condición, tal é o caso de Navantia.