No día de hoxe celebrouse a segunda xornada da mediación entre a representación sindical e a patronal de siderometal da provincia da Coruña, que rematou novamente sen avances significativos que permitan desbloquear a negociación do convenio colectivo.
A CIG-Industria lamenta que a patronal continúe sen dar pasos adiante nos asuntos que o conxunto do sector considera fundamentais para alcanzar un acordo. Cuestións como a redución da xornada, a mellora dos salarios, a revisión salarial, a regulación dos fixos descontinuos e da subcontratación ou o plus penoso, tóxico e perigoso, entre outras materias centrais, seguen sen recibir unha resposta satisfactoria por parte da representación empresarial.
Ao longo da xornada deste xoves producíronse unicamente tímidos avances nalgúns aspectos secundarios da negociación, pero sen abordar o groso das reivindicacións sindicais, que son as que realmente permitirían achegar posicións.
A CIG-Industria tamén lamenta que a patronal decidise dar por concluída a reunión ás seis da tarde, sen sequera responder á última proposta que a parte social lle trasladou a primeira hora da tarde, co obxectivo de avanzar cara un achegamento entre as posicións das dúas partes.
A mediación continuará este venres durante toda a mañá
Desde a CIG-Industria agardan que a patronal abandone a súa actitude inmobilista, dea unha resposta ás propostas formuladas e comece, dunha vez por todas, a negociar os aspectos fundamentais deste convenio colectivo, evitando prolongar innecesariamente este conflito.
A central sindical denuncia que, tamén no marco da mediación, esta negociación estase a prolongar de maneira inxustificada por responsabilidade exclusiva da patronal, que mesmo chega a realizar recesos de máis de dúas horas entre reunións sen que iso se traduza en ningún avance real nas materias centrais do convenio.
Advirte tamén de que o tempo segue correndo sen resultados e lembra que o proceso de mediación rematará, con ou sen acordo, na mañá do vindeiro luns 29 de xuño. Por iso, fai un chamamento á patronal para que abandone a súa actitude de parálise e afronte dunha vez por todas a negociación dos aspectos fundamentais do convenio colectivo.
Asembleas do día 29 nas tres comarcas
Mentres non se produzan avances reais, a CIG manterá o calendario de mobilizacións previsto. Así, o luns 29 celebraranse asembleas nas tres comarcas para informar o persoal do resultado da mediación e valorar a evolución do conflito.
Ademais, continúan convocadas as xornadas de folga dos días 30 de xuño e 2 de xullo, e 7 e 9 de xullo, co fin de poder acadar dunha vez por todas un convenio colectivo que mellore de maneira efectiva as condicións laborais e salariais do conxunto do persoal do sector.