Nova mobilización contra a represión sindical no Hospital Quirón da Coruña
A CIG demanda a retirada das sancións inxustificadas á presidenta e ao secretario do comité e a readmisión inmediata deste último
A CIG continuou este mércores coas mobilizacións para rexeitar a represión sindical exercida pola dirección do Hospital Quirón da Coruña contra o seu persoal e reclamar a retirada das sancións impostas á presidenta e ao secretario do comité, a quen ademais a empresa despediu mentres estaba de baixa, alegando motivos disciplinarios por supostos incumprimentos en materia de protección de datos.
“Estamos ante un ataque directo a dúas persoas elixidas polos traballadores e as traballadoras deste hospital para defendelas. A decisión da Quirón constitúe un castigo conta quen fixo o seu traballo sindical: denunciar abusos, esixir dereitos e actuar para que a empresa cumpra coas súas obrigas legais”.
Así o aseverou a secretaria nacional da CIG-Saúde, Ana Lestón, ao remate desta nova mobilización contra a política de persecución e represión sindical aplicada pola dirección do Hospital QuirónSalud.
Criticou que esta empresa, que fai negocio a conta da saúde, leva anos perseguindo as delegadas e delegados da CIG -que ten a maioría no comité- co obxectivo de silenciar e rematar con quen poida ser testemuña de calquera práctica que priorice o rendemento económico fronte á calidade asistencial.
“Se pensaban que con esta represión ían conseguir frear a CIG, equivocáronse completamente. Non esquecemos e imos seguir moi de preto todo o que aconteza neste hospital; fiscalizando cada actuación, denunciando cada abuso e respondendo sindical e xuridicamente sempre que sexa preciso”, advertiu Lestón,
A secretaria nacional da CIG-Saúde agradeceu o apoio recibido polos comités dos hospitais privados da provincia, que asinaron escritos de condena da represión sindical acontecida no QuirónSalud. Para Lestón, este apoio “claro, contundente e unánime demostra que o ocorrido aquí xerou fonda indignación en todo o sector”.
Explicou que estes escritos asinados polos distintos comités serán remitidos á Asociación de Hospitais Privados da Coruña “para que teñen constancia da repulsa que provocaron estes feitos. Porque cando se ataca a liberdade sindical o que está en xogo son os dereitos das persoas traballadoras”.
Ana Lestón lembrou que tanto as sancións como o despedimentos xa están recorridos na vía xudicial e avanzou que a CIG seguirá a se mobilizar e defendendo nos xulgados os dereitos vulnerados, agardando que as demandas interpostas dean os seus froitos.
Neste liña, indicou que a central nacionalista aínda está á espera de coñecer as actuacións da inspección de servizos sanitarios do SERGAS pola denuncia presentada o pasado mes de febreiro, tras detectarse unha praga de moscas na zona de quirófanos e esterilización do Hospital QuirónSalud.