A CIG mobilízase contra a represión sindical no Hospital QuirónSalud
Delegados e delegadas da CIG e persoal do Policlínico Santa Teresa da Coruña mobilizáronse este xoves no centro sanitario para rexeitar a política de represión sindical exercida por QuirónSalud. A persecución á representación da CIG ten a súa máis grave e recente expresión na sanción imposta á presidenta do comité e na sanción con despedimento disciplinario aplicada ao secretario, cando se atopaba ademais en situación de baixa médica.
Esta empresa, que fai negocio a conta da saúde, leva anos perseguindo as delegadas e delegados da CIG -que ten a maioría no comité do Hospital QuirónSalud da Coruña- “co obxectivo de silenciar e rematar con quen poida ser testemuña de calquera práctica que priorice o rendemento económico fronte á calidade asistencial”.
Agora, denuncia o responsábel de sanidade privada da CIG-Saúde, Miguel Tizón, a empresa atreveuse a dar un paso adiante abríndolle expediente sancionador á presidenta e ao secretario, ao que ademais despediron alegando motivos disciplinarios. “Non hai razóns obxectivas para o expediente, por moito que as inventen”, asevera Tizón, quen acusa á dirección do grupo Quirón en Madrid de estar atrás destas medidas represivas.
Para a CIG fica claro que a verdadeira causa das sancións e do despedimento non é outro que a firme acción sindical de denuncia pola perda de calidade asistencial, as insuficientes ratios de persoal, a sobrecarga de traballo, a vulneración dos dereitos laborais ou as denuncias en materia de prevención e saúde.
Unha actividade sindical que, lembra, xa derivou na imposición de sancións ao hospital por parte da Inspección de Traballo e en condenas xudiciais por diversas materias. “Estas son as verdadeiras razóns polas que QuirónSalud quere rematar coa CIG nos seus centros”, reitera Tizón.
Indica que os expedientes á presidenta e ao secretario xa foron recorridos e que xa se presentou demanda nos xulgados pedindo a nulidade de despedimento. Ademais, Tizón apunta que esta é a primeira mobilización, pero a CIG levará adiante todas cantas accións considere oportunas en defensa da liberdade sindical, pola readmisión do compañeiro despedido e para rematar cunhas prácticas patronais “que só buscan calar a quen defende os dereitos laborais e unha atención digna e segura”.
Neste sentido, o representante da CIG quixo agradecer o apoio expresado polas traballadoras e traballadores do propio hospital e reiterou que “a CIG non vai permitir represión nin nesta empresa nin en ningún outro centro de traballo”.