CIG-Navantia apunta á responsabilidade da empresa no conflito das auxiliares

Consideran que a folga pon ao descuberto as consecuencias da masiva subcontratación
Ferrol - 19 Out 2017

A Sección Sindical da CIG en Navantia vén de emitir un comunicado para puntualizar as informacións vertidas dende o departamento de Recursos Humanos da empresa naval a respecto da folga dos traballadores e traballadoras da industria auxiliar. A representación da CIG subliña a legalidade e lexitimidade da convocatoria e chama o persoal da principal a ser solidarios/as "porque a loita dos traballadores e traballadoras de auxiliares é a mesma loita que a nosa, polo cumprimento dos convenios e dos acordos, contra os descolgues unilaterais e a recuperación da dignidade".

A seguir reproducimos á integra o comunicado da CIG-Navantia:

Cremos necesario aclarar algunhas cuestións en relación ao comunicado emitido, no día de onte pola dirección de Recursos Humanos, en relación á folga indefinida que convocaron as e os compañeiros da industria auxiliar.

A estratexia da dirección de Navantia foi a mesma desde un inicio e trata de enfrontar a traballadores e traballadoras da principal e da industria auxiliar, colocándose sen rubor nas teses da patronal"

A folga é totalmente legal, foi solicitada por todas as canles regulamentarias e conta con todos os permisos necesarios. A acción dos piquetes foi en todo momento pacífica, evitando calquera incidente innecesario e tratando de evitar enfrontamentos entre traballadores/as. Polo tanto, a folga non é abusiva e desenvolveuse baixo os mesmo parámetros que as pasadas 7 xornadas de folga, convocadas polos 3 sindicatos, polo Convenio Provincial.

A estratexia da dirección de Navantia foi a mesma desde un inicio e trata de enfrontar a traballadores e traballadoras da empresa principal e traballadores da industria auxiliar, colocándose sen rubor nas teses da patronal.

Sobra lembrar o carácter publico de unha empresa como Navantia e a función social que debería exercer nas comarcas onde está asentada. Navantia non é unha simple empresa, é unha institución e debería exercer de exemplo e velar para que as relacións laborais dentro dos seus centros se axusten á legalidade e se desenvolvan da maneira máis fluída posíbel.

A Dirección desta empresa non exerceu o máis mínimo control para facer cumprir os convenios provinciais e os acordos aos que previamente chegaran empresarios e traballadores. Todos sodes coñecedores das condicións nas que traballa gran parte da industria auxiliar, a ninguén se lle escapa a constante vulneración do convenio provincial en materia de horas extras, número de persoal fixo nas empresas, a non aplicación dos diferentes pluses, etc. A día de hoxe, xa avanzado o século XXI, hai traballadores/as dentro de estas murallas que traballan horas GRATIS.

Navantia é coñecedora desta situación, desde o propio comité de empresa se lle fixo chegar en multitude de ocasións, pero obviouno deliberadamente. Se a dirección desta empresa amosara a mesma belixerancia ante estas ilegalidades, que a que exerce sobre os traballadores en folga, este conflito non se tería producido. O comité leva esperando por unha reunión en Carenas dende hai dous anos para tratar de poñerlle coto á precariedade que veñen sufrindo os traballadores e traballadores da industria
auxiliar nesa área.

A situación creada a consecuencia da folga de auxiliares pon ao descuberto a precaria situación organizativa de unha empresa da dimensión de Navantia. A política liquidacionista que se veu aplicando nas diferentes reconversións deixou a Navantia exposta a este tipo de situacións. As masivas subcontratacións en ningún caso melloraron a situación produtiva ou económica de Navantia, tan só contribuíron ao seu constante desmantelamento como empresa e a depauperar as condicións dos novos traballadores que se incorporaban ás industrias auxiliares.

Na mesa da industria auxiliar, na que comités e dirección de Navantia traballaban en Madrid, as/os representantes dos/as traballadores/as xa expresamos a necesidade de reverter esta situación. Navantia ten que dotarse do cadro de persoal necesario para cubrir o seu ciclo produtivo, ademais, todas as persoas que se teñan que contratar de forma temporal por necesidades da produción, tamén deben ser contratadas de forma directa por Navantia, porque é posíbel e porque outras empresas da SEPI, como Correos, así o realizan.

Navantia ten os mecanismos necesarios para que este conflito se resolva favorabelmente para todas as partes"

Outra das cuestión que producen risa é o tema das perdas, querer culpar a legal e lexítima folga da industria auxiliar desta situación de paupérrima xestión desde hai anos, onde os cambios erráticos de todo tipo foron a norma, é de traca, é ridículo, é buscar una escusa que só os máis des-informados e inxenuos poden crer. Nunca se buscaron responsabilidades nos diferentes equipos de xestión da empresa como se esas políticas foran inocuas de cara aos resultados.

Polo tanto, a dirección Navantia é en gran parte responsábel do conflito que hoxe temos ás portas e ten os mecanismos necesarios para que este se resolva favorabelmente para todas as partes. Os traballadores e traballadoras son as vítimas de toda esta nefasta política e sufrimos nas nosas carnes as súas consecuencias.

Hoxe están nas portas os compañeiros de auxiliares, hai un par de anos eramos nós mesmos os que saiamos á rúa. Debemos ser solidarios porque a loita dos traballadores e traballadoras de auxiliares é a mesma loita que a dos da principal, é a loita polo cumprimento dos convenios e dos acordos, é a loita contra os descolgues unilaterais e é a loita pola recuperación da dignidade. A empresa non cumpre nin con eles nin con nós.

19-10-2017