CIG-Navantia denuncia o cúmulo de arbitrariedades no proceso de selección da prazas de acceso para titulados/as

Pide que se publique a lista das persoas seleccionadas e bases obxectivas para as prazas de operarios/as sen cubrir

Ferrol -

A sección sindical da CIG en Navantia Ferrol denuncia que a selección de 42 persoas tituladas universitarias júnior "é un cúmulo de arbitrariedades (con probas de competencia lingüística telefónicas ou probas en grupo por videoconferencia) que se pretende culminar sen a publicación da lista das persoas seleccionadas coa escusa de que algunha delas pode decidir non aceptar a oferta". Deste xeito, advirten, mantense as persoas non seleccionadas sen información "por se é necesario avisarlles para cubrir esa praza baleira."

Neste senso, cualifican esta decisión de falta de respecto cara ás persoas participantes e advirten da imposibilidade de reclamar "porque non hai un proceso obxectivo sobre o que reclamar".  De feito, avanzan que xa comezaron as contratacións cando a relación de persoas admitidas e rexeitadas está sen publicar.

A sección sindical da CIG critica a complicidade da dirección da empresa, a presidencia da Comisión de Formación e Emprego (MAS) e da representación de CCOO para avalar este proceso.

"Tortuoso proceso" para as prazas de operarios/as junior

Xunto a isto, explican que no "tortuoso proceso" das prazas de operarios/as júnior, cuxos exames se celebraron estes días en FIMO, unha queixa reiterada por todas as partes foron as bases reguladoras por incoherentes e imprecisas. "Agora atopámonos con especialidades onde pasaron a nota de corte imposta menos persoas das previstas para o exame teórico/práctico -3 por praza-, igual número de persoas que prazas e, incluso, menos persoas que prazas previstas", salientan.

Isto último supón que fiquen 20 prazas sen cubrir, polo que a representación da CIG propón que estas prazas se engadan a unha inmediata convocatoria para 2020 e cunhas bases obxectivas, tal e como se aprobou na Asemblea Xeral de febreiro; ou no seu caso, rectificar as bases para convocalas novamente evitando que se poida repetir esta situación.  

Pero o que propón Recursos Humanos de Navantia "é facer unha nova convocatoria copiando exactamente as mesmas, coa aceptación de MAS e CCOO. Na CIG témolo claro, non avalaremos coa nosa sinatura tropezar dúas veces na mesma pedra".

Volver