CIG-Navantia reitera que se debe garantir o cumprimento do protocolo antes de avanzar na reincorporación

Lamenta que o comité asuma as promesas da dirección sen comprobar se as cumpre

Ferrol -

A sección sindical da CIG en Navantia Ferrol insiste na necesidade e antepoñer a saúde dos traballadores e das traballadoras por enriba da actividade produtiva. Esa foi unha das razóns polas que no día de onte dende o comité se paralizou a entrada do persoal nos estaleiros, xa que non se estaba cumprindo o protocolo de seguridade. Isto levou a empresa a realizar unha serie de propostas que foron avaliadas na reunión da permanente do comité celebrada a última hora, que a central lamenta foran "aceptadas polo resto da representación, mesmo asumindo a posibilidade do incumprimento destas promesas".

Neste senso, a sección sindical entende que, cando menos, na quenda de mañá, non se poden incorporar máis persoas que as que entraron o venres, pois "ese foi o motivo do paro realizado o mércores". No relativo á incorporación de todo o persoal previsto para esta semana, consideran que hai que valorar esta posibilidade "se ao longo de hoxe se comproban cumpridas as promesas da empresa sobre a incorporación de vinte persoas en Acciona, os protocolos de limpeza nos aseos, etc.".

Xunto a isto, defenden que Navantia e as empresas auxiliares se teñen que facer cargo dos salarios dos/as traballadores/as, tanto da principal como das contratas, dado que trata dun paro técnico; polo que tampouco se pode permitir que as empresas detraian vacacións ou horas de goce dos traballadores e traballadoras.

"Desgrazadamente, a decisión da maioría do comité foi asumir as promesas da dirección e, polo tanto, que se reincorpore todo o persoal que o martes estaba en activo, mesmo asumindo a posibilidade do incumprimento destas promesas no día de hoxe", lamentan.

Diante disto, pregúntanse "para que valeu entón a mobilización deste mércores" ou se "era só unha escusa para que alguén lavara a cara". Neste senso, insisten en que non se pode xogar coa saúde do persoal e que "a empresa ten que dar pasos o máis seguros posíbeis e facer a reincorporación aos poucos e con prudencia".

Volver