A CIG participa no X Congreso da Unión Nacional de Mulleres Saharauís

Internacional - 30 Abr 2026

Durante os días 20, 21 e 22 de abril celebrouse en Smara (campamentos de persoas refuxiadas de Tindouf, Alxeria) o X Congreso da Unión Nacional de Mulleres Saharauís, baixo o lema “A muller saharauí: resistencia e sacrificio para lograr a independencia e a liberdade” e en conmemoración da mártir Jadiya Hamdi Abdala. No proceso estivo presente unha delegación da CIG integrada por Amanda Rei, do Departamento de Relacións Internacionais, e Ester Mariño, representante da Secretaría das Mulleres.

Alén das actividades do propio congreso para actualizar as liñas programáticas e os organismos, desenvolvéronse diversos encontros con representantes políticas/os e talleres (Muller, Paz e Seguridade: Resolución 1325 do Consello de Seguridade das Nacións Unidas; e Explotación de recursos naturais, cambio climático e protección do medio) dirixidos ás delegacións internacionais alí presentes.

Nomeadamente, a delegación sindical acollida pola UGTSARIO participou de reunións coa secretaria de mulleres da central sindical saharauí, así como coas representantes de mulleres da wilaya de Smara e de cada daira, onde se deron a coñecer as principais cooperativas das mulleres saharauís na rexión.

Durante a visita a Rabouni, centro administrativo e sede do goberno, tivo lugar unha recepción coa Ministra de Asuntos Sociais e Promoción das Mulleres Suelma Beiruk, quen expuxo a situación histórica e actual das mulleres saharauís e as principais liñas de acción política “encamiñadas á sensibilización, preparación e apoderamento en coherencia cunha Constitución que pretendeu ser garantista na continuidade da igualdade xa en 1976”. Xa durante a última xornada, o 22 pola tarde, acudiuse a unha recepción co Ministro de Exteriores e coa recén reelixida Secretaria Xeral da UNMS Chàba Seini.

Na apertura do Congreso, após a interpretación do himno nacional, o Presidente da RASD e Secretario Xeral da Fronte Polisario Brahim Gali, enxalzou o papel das mulleres saharauís como suxeitos fundamentais na construción da sociedade no exilio.

Na propia xornada do 20, Ester Mariño dirixiuse ao congreso para recordar que “vimos aquí a recoñecer a vosa traxectoria. A historia das mulleres saharauís é unha historia de dignidade política e de resistencia sostida no tempo”, destacando que para a CIG “estar coas mulleres saharauís é estar do lado da xustiza, da autodeterminación dos pobos e da paz con dereitos. E é estar contra da ocupación marroquí, contra o silencio cómplice das potencias e contra a responsabilidade histórica do Estado español”.

Durante a xornada do 21 e 22 desenvolvéronse as votacións para a reelección como Secretaria Xeral da UNMS de Chàba Seini para un segundo mandato, a renovación do organismo nacional composto por 9 mulleres e a elección das 5 secretarias rexionais.

No discurso de clausura a reelixida como secretaria xeral recordou que se encontran nun momento clave de balance dos logros conseguidos, en paralelo á necesidade de asumir novos retos na acción política que permitan unha maior representación acorde ao papel fundamental das mulleres saharauís no sostemento da vida e das infraestruturas da sociedade, así como tamén na determinación coa que estas asumen a continuidade na resistencia e na loita política pola liberdade do pobo saharauí e polo fin da colonización.

A presenza da CIG neste evento de grande importancia veu ratificar a continuidade no compromiso histórico da central sindical, tanto coa UGTSARIO como cos distintos axentes políticos que sosteñen a loita política do pobo saharauí na causa pola descolonización do Sáhara Occidental, pola xusta liberación nacional e polo irrenunciábel dereito ao retorno.