CIG-Saúde alerta de que Galiza segue á cabeza do estado en suicidios, só por detrás de Asturias

Exixe máis sanidade pública e políticas públicas contra a precariedade e a soidade non desexada
Nacional - 09 Set 2026

10 DE SETEMBRO | DÍA MUNDIAL PARA A PREVENCIÓN DO SUICIDIO

Con motivo do Día Mundial para a Prevención do Suicidio, que se conmemora este 10 de setembro, CIG-Saúde alerta dunha realidade que Galiza non pode normalizar: ano tras ano, arredor de 300 persoas morren por suicidio no noso país.

Os últimos datos dispoñibles correspondentes a 2025 contabilizan 303 mortes investigadas polo Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA) e 295 segundo os datos provisionais do Instituto Nacional de Estatística (INE). As mortes por suicidio representaron aproximadamente un terzo das mortes violentas rexistradas en Galiza ese ano.

Non estamos ante unha fatalidade inevitable. O suicidio é un grave problema de saúde pública e pode previrse. Para facelo é imprescindible garantir unha atención sanitaria rápida e de calidade, pero tamén actuar sobre as condicións sociais e materiais que condicionan a vida e a saúde mental da poboación.

CIG-Saúde considera insuficiente unha política de prevención que mire exclusivamente á persoa cando o sufrimento se produce nun contexto social determinado. A falta dunha vivenda digna, o desemprego, a precariedade laboral, as dificultades económicas, a perda de redes familiares e comunitarias ou a soidade non desexada poden aumentar a vulnerabilidade e agravar situacións de sufrimento psíquico.

A SOIDADE NON DESEXADA TAMÉN É UN PROBLEMA DE SAÚDE PÚBLICA

CIG-Saúde chama especialmente a atención sobre unha realidade que debe ocupar un lugar central nas políticas de prevención: a soidade non desexada.

Non falamos simplemente de vivir só ou soa. Unha persoa pode vivir soa e contar cunha rede social satisfactoria e, pola contra, pode convivir con outras persoas e sentirse profundamente soa. A soidade non desexada aparece cando existe unha distancia entre as relacións e os apoios que unha persoa necesita e aqueles cos que realmente conta.

É, polo tanto, unha cuestión que vai máis alá do ámbito individual. Ten unha dimensión social, comunitaria e sanitaria.

En Galiza esta realidade resulta especialmente preocupante polo elevado envellecemento da poboación. O 27,2 % das persoas residentes ten 65 ou máis anos e o índice de envellecemento sitúase arredor das 180 persoas maiores de 64 anos por cada 100 menores de 20.

Neste contexto, hai persoas maiores que afrontan a perda da parella ou de amizades, a redución das súas redes de apoio, dificultades de mobilidade ou unha menor participación na vida comunitaria. No rural, ademais, a dispersión da poboación e as dificultades de acceso a determinados servizos poden incrementar o risco de illamento.

Pero a soidade non desexada non é exclusivamente un problema das persoas maiores. Tamén pode afectar á mocidade, ás persoas desempregadas, a quen sofre precariedade laboral, a persoas migrantes, a quen atravesa unha ruptura familiar ou unha perda e, en xeral, a calquera persoa que vexa debilitadas as súas redes de apoio.

Por iso, combater a soidade non desexada non pode consistir unicamente en dicirlle á persoa que busque compañía ou que participe en actividades. Cómpre construír comunidade, reforzar os servizos públicos e crear condicións materiais que permitan manter vínculos sociais e proxectos de vida dignos.

A prevención do suicidio debe incorporar esta realidade. Atención Primaria, saúde mental e servizos sociais necesitan capacidade para detectar situacións de illamento e vulnerabilidade, pero tamén deben existir recursos comunitarios, políticas de vivenda, servizos de proximidade e medidas laborais e sociais que eviten que as persoas queden desconectadas das súas redes.

O SUICIDIO EN GALIZA: UN PROBLEMA QUE ATRAVESA IDADES E SEXOS

Os datos de 2025 volven mostrar unha incidencia moi superior entre os homes: tres de cada catro suicidios corresponderon a homes. Ademais destas mortes, hai numerosas situacións que, sen produciren finalmente un falecemento, tamén están directamente relacionadas co suicidio e o sufrimento ligado a el, como son as tentativas de suicidio, que mostran unha incidencia moi superior entre as mulleres.

Por idades, a maior incidencia concéntrase na poboación adulta de máis de 50 anos, cun peso especialmente importante entre os 51 e os 60. Pero os datos tamén mostran unha realidade extrema entre as persoas de maior idade: en 2025 rexistráronse once casos en maiores de 90 anos.

A situación da mocidade require igualmente unha resposta específica. Aínda que o número absoluto de suicidios entre menores de 30 anos é inferior ao rexistrado na década dos noventa, o suicidio constitúe actualmente a principal causa de morte entre a mocidade galega, por diante mesmo dos accidentes de tráfico.

A estas mortes hai que sumar unha realidade moito menos visible: os intentos autolíticos e todas aquelas persoas que atravesan situacións de sufrimento extremo sen chegar a aparecer nas estatísticas.

Cunha taxa próxima aos 11 suicidios por cada 100.000 habitantes, Galiza situouse en 2025 como a segunda comunidade autónoma coa maior taxa de mortalidade por suicidio do Estado, só por detrás de Asturias.

UN SISTEMA QUE CHEGA TARDE

Fronte a esta situación, CIG-Saúde denuncia que a resposta do SERGAS segue sendo insuficiente.

O informe de auditoría do Consello de Contas sobre o Plan de Saúde Mental pos-Covid 2020-2024 constatou que os problemas de saúde mental empeoraron en Galiza e que persisten importantes debilidades na planificación.

Mentres tanto, Galiza mantén un elevado consumo de psicofármacos e ansiolíticos e unha sanidade pública que non dispón dos recursos profesionais necesarios para responder coa rapidez que require o sufrimento psíquico.

As listas de agarda en consultas externas superan de media os 62 días nos hospitais públicos e, en Psicoloxía Clínica, unha cita pode chegar a demorarse meses. Na prevención do suicidio, chegar tarde pode ter consecuencias irreparables.

CIG-Saúde denuncia tamén o déficit de profesionais. Galiza presenta taxas de persoal colexiado de Medicina e Enfermaría inferiores á media estatal e a dotación pública de profesionais de Psicoloxía Clínica e Psiquiatría continúa moi afastada das necesidades existentes.

Dende a CIG-Saúde exiximos reverter a privatización e apostar por unha xestión 100% pública, con unha implicación maior no ámbito comunitario.

PREVIR O SUICIDIO É GARANTIR DEREITOS E RECURSOS

CIG-Saúde reclama á Consellería de Sanidade e á Xunta de Galiza medidas inmediatas:

  • Máis profesionais na sanidade pública. Reforzar as áreas sanitarias con prazas públicas de Psicoloxía Clínica, Psiquiatría e demais categorías necesarias para garantir unha atención accesible e de calidade.
  • Unha Atención Primaria con tempo e recursos. Os centros de saúde deben poder detectar de maneira temperá situacións de sufrimento psíquico, illamento social e risco autolítico e garantir unha resposta rápida.
  • Reducir drasticamente as listas de agarda. Unha persoa en situación de vulnerabilidade non pode esperar meses para recibir atención psicolóxica ou psiquiátrica.
  • Incorporar a soidade non desexada ás políticas de saúde pública. Cómpre detectar as situacións de illamento e reforzar os recursos sociais e comunitarios, especialmente no rural e entre as persoas maiores, sen esquecer a súa incidencia noutras idades.
  • Actuar sobre as causas sociais do sufrimento. A prevención debe incluír políticas de emprego digno, vivenda, protección social, educación e fortalecemento das redes comunitarias.
  • Un Plan de Prevención do Suicidio con recursos reais. Non abonda con declaracións de intencións. Galiza necesita unha estratexia transversal, cun orzamento específico, avaliación de resultados e participación dos ámbitos sanitario, social, laboral e educativo, así como dos axentes sociais.

Para CIG-Saúde, previr o suicidio non consiste unicamente en actuar cando unha persoa chega a unha situación límite. Significa tamén evitar que chegue a ela.

Iso require unha sanidade pública forte, profesionais suficientes, condicións laborais e materiais dignas e unha sociedade capaz de combater o illamento e a soidade non desexada.

O sufrimento psíquico non se resolve con máis listas de agarda nin exclusivamente con medicación. Previr o suicidio é coidar, acompañar, garantir dereitos e poñer recursos públicos onde son necesarios.