CIG-Saúde Compostela denuncia a falta de persoal para atender as crianzas de Outes, Lousame e Noia

Denuncia a “total falta de planificación e medidas” ante a falta de pediatra no CS de Outes
Outes - 20 Out 2021

A CIG-Saúde de Compostela vén de denunciar o descontrol provocado pola ausencia do titular da praza de Pediatría do CS de Outes. Explica que  a referencia para os bebés ou crianzas menores de 3 anos sería a Pediatría de Noia, pero como tamén falta na quenda da mañá e só está cuberta na quenda de tarde, a poboación de Outes ten que acudir ao Centro de Lousame. A consecuencia é que Pediatría de Lousame ten que asumir os concellos de Noia e de Outes, o que consideran “a todas luces é inviable”.

A CIG-Saúde subliña, en todo caso, que non se trata só da situación na que se atopa Pediatría na Área sanitaria de Santiago, senón das condicións de traballo de toda a Atención Primaria que “dista moito de garantir, non só unha asistencia de calidade ás persoas usuarias, senón que tamén está lonxe, moi lonxe, de garantir, unha seguridade ás/aos profesionais no seu traballo”.

Lembran que a CIG-Saúde loita polo recoñecemento e garantías e dereitos da poboación a ter unha sanidade digna para a poboación infantil. Por iso demandan políticas concretas de avaliación e busca de solucións ante o déficit de profesionais pediátricos. Mais tamén para poñer solucións que garantan unhas  condicións de carga de traballo e retributivas dignas porque “as que hai distan moito da dignificación dun posto de traballo no sector público”.