CIG-Saúde considera un “feito histórico” o pacto de contratacións de facultativos de hospitais por lista

Aprobouse este venres pola mañá na Mesa Sectorial de Sanidade

Nacional -

A CIG-Saúde vén de asinar o Pacto de contratacións de persoal facultativo especialista do ámbito hospitalario que acaba de ser acordado na Mesa Sectorial de Sanidade porque, segundo a súa secretaria nacional, María Xosé Abuín, “permite rachar co pasado e establecer as bases de futuro”. Abuín incide especialmente no avance que supón que “todas as contratacións se vaian dar por lista”.

Nos anos 90 se asinou o primeiro pacto de selección temporal do persoal do SERGAS que tiña como obxectivo “que os contratos do SERGAS se ofertasen mediante un sistema baseado nos principios de igualdade, mérito e capacidade”.

Abuín lembra que “non foi doado incluír neste pacto ao persoal facultativo” porque a administración sanitaria e outros factores “resistíase a que a selección de persoal se fixera a través dun sistema público e transparente”.

Sinala que ademais, despois de varios conflitos, incorporouse progresivamente, ao pacto de selección de persoal ao persoal facultativo de atención primaria: médicos de familia, pediatras e odontólogos.

Por fin chega ao persoal facultativo

A secretaria nacional de CIG-Saúde saúda que por fin agora “en pleno século XXI, incorpórase ao pacto de selección temporal o persoal facultativo de atención hospitalaria”.

Neste pacto vanse baremar os méritos de cada aspirante e as contratacións serán ofertadas por rigoroso orde de puntuación nas listas. O baremo estará formado por:

* 80% méritos, 80 puntos: nota OPE, servizos prestados, formación e investigación.

* 20% entrevista, 20 puntos: entrevista regrada para o acceso a determinados postos, nos que a Administración terá que, previamente, definir cales son as características específicas que motivan a realización dunha entrevista ou memoria.

CIG-Saúde rexeitou a realización da entrevista, mais ante a negativa do SERGAS en retirala, “apostamos por apoiar este pacto de selección de FEAS e incorporar mecanismos de control para a súa realización”, explica Abuín.

A isto engade que outra das cuestións que incorpora o pacto é que as incidencias nas contratación de facultativos/as serán tratadas na comisión de seguimento, ao igual que sucede con outras categorías. “Isto vainos permitir presentar modificacións para corrixir e mellorar o seguimento do pacto”, conclúe.

Volver