CIG-Saúde cuestiona a veracidade do anuncio do CHUS dun aforro do 40% na factura enerxética
A Xerencia da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza vén de facer público o aforro da factura enerxética no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) nun 40,54 % na ultima década. A CIG-Saúde de Compostela pon en cuestión este resultado. “Entendemos que sería unha noticia positiva se fose real, máis entendemos que non corresponde coa realidade de todos os días no CHUS, senón máis ben como simple publicidade do plan de Estratexia de Economía Circular do Sergas”.
Neste sentido, a CIG-Saúde asegura que no referido ao subministro enerxético, a Xerencia “nunca nos informou dos indicadores para a valoración da calidade, eficacia e eficiencia que se teñen feito”. Nin respecto dos controis e informes que se fixeron, xa que periodicamente terían que facerse auditorías dos niveis de prestación, co obxecto de acadar o nivel acordado para a calidade do mesmo; nin da verificación polos responsables do servizo de mantemento de controlar o nivel de garantía da prestación das distintas áreas de que consta o servizo e do servizo privado contratado, así como impartir instrucións para o correcto funcionamento e garantir a seguridade deste sistema.
Como tampouco teñen confirmación da execución do traballo por parte do oficial ou responsable de mantemento da Área Sanitaria nin da certificación por parte da dirección facultativa.
Con todo isto, e tendo en conta que os principios reitores dunha Administración Pública é obxectividade, transparencia, responsabilidade pola xestión pública, chaman a reflexionar sobre a propia realidade do mantemento das condicións necesarias para obter unha calidade térmica no ambiente, de aire interior e dunha redución do consumo de enerxía convencional nas unidades e servizos hospitalarios para tomar nota e melloralas xa que traballan con enfermos.
A este respecto afirman que “non existe nin xefe de servizo de mantemento xeral, nin de electromedicina persoal estatutario como existe no resto de servizos sanitarios, cociña..”. Responsabilidade que recae no subdirector de recursos económicos.
Sen control das oscilacións térmicas
A isto engaden que hai numerosas queixas dos profesionais non só do Hospital Clínico, senón tamén do Hospital Gil Casares (unidade de psiquiatría), de onde teñen que estar chamando a diario para que lles prendan a calefacción, así como a unidade de Atención Tempera (rehabilitación pediátrica). Isto sen esquecer o hospital Psiquiátrico, de onde aseguran que chaman varias veces nas distintas quendas porque non teñen calefacción. “Prenden a calefacción e logo volven apagala, o que implica volver a chamar”, afirman.
Fronte a isto, desde a CIG denuncian que “o aforro condiciona o confort térmico das instalacións mais obvian que debe primar o benestar dos enfermos”. Destacan que na zona de hospitalización do Hospital de Conxo non existe aire acondicionado o que “supón un problema no período estival tanto para traballadoras como para doentes de idade avanzada. O mal funcionamento chega incluso a non poder ou querer regular a climatización no local sindical, polo que no inverno morres de calor e no verán morres de frío”.
Para a CIG-Saúde o “desleixo” na responsabilidade da Xerencia no mantemento preventivo e correctivo nas instalacións é tal que “a Xerencia elaborou o Plan de Autoprotección do Hospital de Conxo sen corrixir, nin planificar as deficiencias detectadas nos sistemas de vectorización e os planos presentados das vías de evacuación non se corresponden coa estrutura actual”.
No referido á xestión das avarías, das instalacións, equipos..., da coordinación cos distintos profesionais e confirmación da execución do traballo, é responsabilidade do xefe de servizo (persoal estatutario do Sergas). Porén, explican que “os partes de avarías eran xestionadas pola central de avarias (programa MANSIS)....hoxe en día son xestionadas polo servizo externalizado (FERROVIAL)”.
Canto á certificación por parte da dirección facultativa poñen como exemplo que en servizos como radioterapia ou radioloxía, “a xerencia oculta a información e tanto os representantes como os profesionais carecen de información sobre os programas de garantía de calidade: Radioloxía R.D. 1976/1999 Radioterapia R.D. 1566/1998”, que son os que recollen o programa de mantemento e estado dos equipos de radioloxía e radioterapia, como garantir mellores imaxes con doses máis baixas e responsabilidades e obrigas das persoas que traballan na unidade.
Mesmo sobre esta cuestión denuncian que “as salas de urxencias de radioloxía do hospital Clínico están obsoletas, non existen repostos para as súas avarías, o que fai que non cumpran coas condición de prevención de riscos laborais para seguir traballando nelas”.
Persoal de mantemento
Por outra banda, denuncian que Xerencia se nega a dar o cadro de persoal de mantemento segregado por hospitais, tanto do persoal estatutario, como do persoal das empresas privadas e a dar explicacións. “Entendemos que non se mantén o número de profesionais necesarios e nin sequera saben o que hai porque, por exemplo, respecto do número de calefactores, os orzamentos do ano 2023 recollían que había 7 e os deste ano din que hai 5”.
Canda isto afirman que hai encargados de mantemento que levan máis de 10 anos en “funcións” porque a Xerencia se nega a convocar o seu posto, o que fai que se atopen nunha situación irregular, ao incumprir coa normativa de previsións de xefaturas do Sergas”.
Ante isto, e mentres a área sanitaria di que recibiu numerosos premios internacionais, a CIG-Saúde, asumindo a súa responsabilidade, denuncia as deficiencias do mantemento da área sanitaria para mellorar as condicións de traballo tanto para traballadores e traballadoras como para os doentes, obrigando a Xerencia a esforzarse para dar unha asistencia sanitaria de excelencia como recolle a súa normativa.