A CIG-Saúde da Coruña denuncia que a Inspección Médica retoma as citacións ao persoal médico de Atención Primaria, en relación co número de pacientes en situación de incapacidade temporal nos seus cupos. Unha práctica que a central sindical xa denunciou no mes de xullo e que agora, tras o parón de agosto, volve repetirse.
A CIG-Saúde ten coñecemento de que médicas e médicos de centros de saúde da Área Sanitaria da Coruña e Cee recibiron correos electrónicos nos que eran citados pola Inspección Médica, novamente en relación coas baixas dos seus pacientes.
Para a CIG-Saúde estas actuacións non son decisións illadas da Inspección, senón que se enmarcan na política impulsada polo Goberno do Partido Popular e polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para reforzar o control das incapacidades temporais, e que é executada pola Consellería de Sanidade a través da Inspección Sanitaria.
“É o propio Goberno galego o que vén anunciando o reforzo da actividade inspectora e presentando como resultados desta política o número de persoas citadas, as altas producidas e a redución da duración das incapacidades temporais”, subliña a secretaria comarcal da CIG-Saúde, Isabel Golpe.
Visión economicista da saúde
Advirte que estas actuacións evidencian unha visión economicista da saúde, na que as baixas, as altas e os días de duración acaban converténdose en cifras e obxectivos, mentres queda nun segundo plano o que debería ser prioritario: a saúde da cidadanía galega.
“Non podemos aceptar que unha médica ou un médico de familia sexa chamado pola Inspección polo número de persoas de baixa que ten no seu cupo. Unha baixa non é unha cifra que haxa que cadrar nin unha partida económica que haxa que reducir; é unha decisión clínica sobre unha persoa que non está en condicións de traballar”. reitera.
Por iso, a CIG-Saúde pregúntase se para o Partido Popular a prioridade é protexer a saúde das persoas ou reducir as cifras de incapacidade temporal e o seu custo económico.
A central esixe que cesen as presións sobre as médicas e médicos de familia, que se respecte o seu criterio profesional e que, se existen rangos, indicadores ou obxectivos de redución das baixas, a Xunta de Galiza os faga públicos e transparentes.