CIG-Saúde da Coruña esixe reforzar o persoal de enfermería e PSX nos centros de saúde durante a campaña de vacinación
A CIG-Saúde da Coruña reclámalle á Xerencia que todos os centos de saúde da área se reforcen con persoal de enfermaría e de servizos xerais mentres dure a campaña de vacinación, “para cando menos manter a asistencia nas mesmas e exiguas condicións que o resto do ano”. Esta demanda vén ante a decisión de realizar a vacinación fronte á gripe e á covid do ano 2025 nos centros de saúde e non en grandes centros de vacinación, sen reforzar o persoal. Critican ademais que as e os profesionais non coñeceron este cambio a través das súas direccións de enfermería e xerencias, “senón polos medios de comunicación co 12 de setembro”.
“A incerteza de como e con que efectivos se ía afrontar este importante incremento da carga asistencial mantívose durante semanas até que representantes da dirección de enfermaría tiveron a ben informar ao persoal dos centros de saúde. Ao persoal das áreas administrativas aínda non o informou ninguén, agás un correo recibido o 20/09/25 coa información xeral das datas da campaña”, salienta a CIG-Saúde da Coruña.
Critican a organización do proceso que consiste en “bloquear as axendas diarias do persoal de enfermería” e non reforzar os centros de saúde nin con máis persoal de enfermería nin de servizos xerais. “Coma sempre o esforzo só se lle vai esixir ao persoal”.
Consecuencias
Sobre cales van ser as consecuencias de realizar a vacinación nestas condicións, a CIG-Saúde da Coruña advirte:
Para a enfermaría o bloqueo das axendas “é algo ficticio”. “Pódense facer bloqueos administrativos, pero non se poden bloquear as necesidades de asistencia das e dos pacientes, a atención urxente, as curas crónicas, agudas e cirúrxicas, os controis TAO, o seguimento a pacientes mais inestábeis e vulnerábeis, etc-”. Deste xeito, as enfermeiras e enfermeiros “van ter que traballar contrareloxo e sufrir unha enorme sobrecarga asistencial, xa que todas as persoas que precisen ter cita co/a súa/seu enfermeira/o, se esta ten bloqueo de axenda, terán que ser atendidas polo resto de persoal de enfermería “que xa contan cunha axenda completa”.
Para o PSX afrontar a campaña de vacinación sen reforzo da área administrativa “é condenalo, xa non a unha sobrecarga laboral que xa sofren, senón a un estres mental inaceptábel”. Pois, a maiores da demanda ordinaria “terán que facer fronte ao incremento da demanda presencial e telefónica, realizar o bloqueo das axendas (aínda non saben nin como nin cando), reasignación de citas…”.
As e os pacientes sufrirán un empeoramento na atención sanitaria, unha maior dificultade de acceso á asistencia e un importante incremento nas listas de agarda, “pola menor dispoñibilidade de persoal que poida atender as chamadas de demanda da poboación xeral e pola menor dispoñibilidade de citas co/a súa/seu enfermeira/o”.
Axendas sobrecargadas e áreas administrativas ao límite
A CIG-Saúde alerta que na área de A Coruña, as axendas enfermeiras xa están completas “cando non sobrecargadas a maior parte do ano”, tanto polo exceso de cupo de cada consulta (que superan con moito a recomendación de 1,200 pacientes por cupo) como pola falta de substitución das ausencias de persoal, especialmente durante o verán.
Pola súa banda, as áreas administrativas “están ao límite todos os días do ano”. O PSX dos centros de saúde non só ten que asumir a alta demanda propia da atención primaria “senón cada vez máis responsabilidades administrativas e de atención á persoa doente correspondentes á atención hospitalaria. Por non falar das condición dos espazos físicos nos que teñen que desenvolver o seu traballo”.
A CIG-Saúde comparte que se remate coa vacinación en “vacunodromos”, pero o bloqueo das axendas “non supón ningunha solución, é unha falta de respecto, unha nova tomadura de pelo ao persoal”. Por iso, esixe da Xerencia que todos os centos de saúde se reforcen co persoal de enfermaría e de servizos xerais mentres dure a campaña de vacinación, “para canto menos manter a asistencia nas mesmas e exiguas condicións que o resto do ano”.