CIG-Saúde da Mariña denuncia que a dirección do Hospital saltou os protocolos para vacinarse

Piden a dimisión da equipa directiva e que o Sergas dea explicacións
Burela - 25 Xan 2021

A CIG-Saúde da Mariña esixe explicacións públicas ao Sergas e a dimisión da actual equipa directiva do Hospital da Mariña por saltar os protocolos para vacinarse cando non lle correspondía e cando hai traballadoras e traballadores do Grupo 2 que aínda non recibiron a vacina por falta de doses suficientes.

Segundo a instrución do Sergas, na segunda fase de vacinación da Covid-19 para centros sanitarios vai o persoal de persoal de institucións sanitarias de primeira liña de atención a pacientes Covid e/ou inmunodeprimidos e persoal exposto a riscos biolóxicos por procedementos xeradores de aerosois (en atención aos criterios do Plan específico de prevención de riscos laborais).

“Seguindo está instrución nesta fase non se atopaban incluídas as persoas con cargos directivos dos centros hospitalarios, e menos cando aínda quedan máis de 250 compañeiros/as sen recibir a primeira dose da vacina, moitas con función asistencial a pacientes”, explican.

Incumprimento do protocolo

A CIG-Saúde ten constancia de que no Hospital da Mariña, o luns 18 de xaneiro, foi vacinada a Directora do Distrito da Mariña, a Subdirectora Médica, a Subdirectora de Enfermaría, a Supervisora de Área e a Xefa de Admisión e Documentación Clínica "saltándose o protocolo establecido polo propio Sergas, namentres unha parte importante do persoal asistencial non foi vacinado pola falla de doses”, afirman.

Ademais, subliñan, na xuntanza mantida o 19 de xaneiro, "a propia directora do distrito sanitario explicou o plan de vacinación e afirmou que tanto a parte administrativa, como a equipa directiva e as organizacións sindicais serían as últimas en recibir a primeira dose, e sempre en función da dispoñibilidade das mesmas, cando xa se atopaba vacinada dende o día anterior”.

Abuso de poder e falta de ética

Dende a CIG-Saúde da Mariña entenden que este acto carece de ética e de moral e amosa "un abuso de poder ao utilizar vacinas destinadas a persoas de primeira liña de risco para protexerse a si propia". Curiosamente, engaden, esta situación xurdiu despois de que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afeara o comportamento das persoas que aproveitaron a súa posición como cargos públicos para vacinarse antes do que lles correspondería segundo criterios médicos.

A CIG-Saúde reitera que a estratexia de vacinación contra a Covid-19 debe ser cumprida rigorosamente, polo que esixe "exemplaridade ás responsábeis públicas do Hospital da Mariña"  e tachan de inadmisíbeis as vacinacións "á carta”, polo que solicitan a dimisión da equipa directiva.