CIG-Saúde da Mariña urxe a reforzar o persoal na unidade de prevención de riscos

Advirten que o hospital só ten neste momento un enfermeiro especialista e un técnico para afrontar a emerxencia sanitaria
Burela - 01 Abr 2020

A CIG -Saúde da Mariña esixe do SERGAS o reforzo da unidade de Prevención de Riscos Laborais e a de Medicina Preventiva, con persoal médico, de enfermería, técnico e administrativo "para abordar en colaboración e coordinación" a emerxencia sanitaria do coronavirus no hospital comarcal.

Subliñan que ante a preocupante situación no Hospital da Mariña polo gran número de persoas do cadro de persoal contaxiadas, "cómpre aumentar e non recortar todas as ferramentas humanas e materiais preventivas, claramente insuficientes pola situación actual". A central pon en valor o gran esforzo diario que desenvolven os e as profesionais de ditas unidades, "para así garantir a seguridade e a saúde das traballadoras e traballadores e tamén dos usuarios e usuarias".

Engaden que, a Prevención de Riscos Laborais é fundamental en todo momento, pero aínda o é máis nunha situación como a actual. Porén, en plena crise sanitaria, "o Hospital da Mariña dispón de menos recursos humanos neste servizo fundamental, ao atoparse sen médica do traballo, xa que única profesional do centro foi desprazada ao Lucus Augusti".  

Neste momentos, explica a CIG-Saúde, o hospital comarcal só dispón dun enfermeiro do traballo e dun Técnico en Prevención de Riscos Laborais, "claramente insuficientes e desbordados polas tarefas para afrontar esta crise, ás que teñen que sumar as habituais: accidentes laborais, recoñecementos médicos, embarazos, violencia interna e externa, bioseguridade, etc.".

Dotación mínima

CIG-Saúde denuncia que desde o SERGAS, durante os últimos anos, as unidades de  PRL non foron potenciadas, mantendo unha dotación de persoal mínima para o seu correcto funcionamento e labores a desempeñar, "sendo agora nesta emerxencia sanitaria onde se evidencia a escaseza de recursos humanos e materiais así como a vital importancia da prevención de riscos laborais para loitar contra o coronavirus".

De igual xeito, tamén piden o reforzo no Servizo de Medicina Preventiva, "outro servizo fundamental no manexo desta crise", pois o Hospital da Mariña só conta cun médico preventivista e unha enfermeira na unidade, claramente insuficientes para o control e seguimento ante a epidemia do coronavirus.