CIG-Saúde de Compostela advirte do desmantelamento da biblioteca do Hospital Clínico de Santiago

A Xerencia mantén 7 capeláns a xornada completa e 2 a media, pero non cobre a praza para a biblioteca
Compostela - 11 Feb 2021

A CIG-Saúde de Compostela advirte do desmantelamento da biblioteca médica do hospital Clínico de Santiago, ao contar cunha soa bibliotecaria tras non se cubrir a praza do outro traballador que foi trasladado. Considera unha irresponsabilidade por parte da Xerencia recortar en persoal e horario de atención a este servizo estratéxico mentres que se mantén un servizo relixioso con 7 capeláns a xornada completa e 2 a media xornada.

Lembra que esta biblioteca dá cobertura a toda a área sanitaria de Santiago-Barbanza, que conta con 1.395 camas; 24 membros de persoal directivo; 125 xefes/as de servizo e sección/unidade; 62 xefes/as de servizo/sección concertado coa universidade; 1.197 facultativos; 337 residentes en formación ademais doutro, até acadar un cadro de persoal de 6.709 profesionais,  xunto con 225 investigadoras/es da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago e 40 investigadoras/es da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica.

Entende que a biblioteca do hospital Clínico é un lugar apropiado para xestionar o coñecemento científico e que necesita adaptar os servizos de información ás novas necesidades, subministrándolle as persoas usuarias o asesoramento e ensinanza das habilidades precisas.

Lembra que a información dispoñible na internet gratuitamente é nesgada e incompleta, polo que “a participación do persoal de biblioteca faise cada vez máis activa nas súas tarefas de selección e organización da información, xa sexa en bibliotecas presenciais como en bibliotecas virtuais”.

A CIG-Saúde de Compostela apunta que, entre os servizos que ofrece a biblioteca física, cómpre ter en conta que se trata dun espazo accesible a todos os membros da área sanitaria pensado para o estudo, a lectura e a investigación.  “É o lugar lóxico onde as e os profesionais en busca de información poden conxugar os distintos recursos: sistemas externos a través de Internet, ou os propios fondos ( revistas, CD-ROM, vídeos, libros, etc.)”.

Salienta que tamén conta con equipos para poder acceder tanto á intranet, internet e facer consultas desde bases de datos, revistas electrónicas, portais, enderezo electrónico e, moi especialmente, persoal experto en acceso e recuperación da información, que asesora nas buscas de información con criterios de calidade, que actuará como enlace directo con outras bibliotecas e centros de información será tamén un lugar de encontro con outros colegas cos que compartir puntos de vista.

Conclúe pois que é o lugar por definición para o estudo, a consulta e a adquisición de coñecemento mais lamenta que agora só conte cunha bibliotecaria en quenda de mañá e 220 días dos 365 días que ten o ano que non ten cobertura en casos de permisos ou baixas médicas desta.

Sen resposta da Xerencia

Por iso CIG-Saúde de Compostela denuncia a falta de resposta da Xerencia ás cuestións formuladas por escrito, o pasado 16 de decembro, respecto das razóns polas que non se cubriu a praza vacante e o motivo polo que non se informou á representación legal do persoal da reestruturación ou nova xestión do servizo de biblioteca. “É incomprensible a irresponsabilidade da Xerente ao recortar persoal e horario de atención do servizo de biblioteca, un servizo estratéxico para permitir o acceso a información que é a verdadeira porta de entrada á cultura, ao pensamento e o coñecemento, e manteña un servizo relixioso con 7 capeláns a xornada completa e 2 a media xornada”, aseguran.

Fronte a isto defenden unha concepción da biblioteca como “institución viva dentro do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, que cambie conforme a sociedade o fai e axude ao crecemento e desenvolvemento”. Demanda por iso que estea aberta mañá e tarde e mesmo os 365 días o ano porque “non é un luxo, senón unha necesidade”.