CIG-Saúde de Compostela demanda da Xerencia información sobre os EPIS existentes diante do actual racionamento

Solicita a adopción de medidas para traballadoras en período de embarazo ou lactación

Compostela -

CIG-Saúde de Compostela vén de demandar da Xerencia do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) unha cuantificación de material existente disgregado en EPI (máscaras cirúrxicas, FFP2, FFP3, batas protectoras e resistentes a fluídos, luvas e gafas de protección). Sinala que hai numerosas queixas do persoal por falta de material “debido a unha especie de racionamento do mesmo”. Xunto a isto solicita a adopción de medidas para evitar riscos ás traballadoras en período de embarazo e lactación e que se unifiquen os criterios canto a uso e transporte de roupa usada no hospital.

Xabier Alvedro, delegado de prevención da CIG-Saúde, denuncia que a falta de material, de EPIs “non só pola súa escaseza, senón tamén pola falta de reparto, limitación en cantidade e dificultade para conseguir o equipo de protección individual, debido a unha especie de racionamento”, está a provocar múltiples queixas do persoal sanitario dos diferentes ámbitos: unidades de críticos/as, consultas externas, urxencias, unidades de hospitalización, atención primaria ou mantemento.

Considera que “o que non é de recibo é que por non saber a actividade que se desenvolve nas unidades, se decida, ante a dúbida, que non se proporciona ningún tipo de material e que as unidades estean desabastecidas do mesmo e que a Xerencia non tome as medidas de prevención necesarias para evitar a exposición ao coronavirus”.

A modo de exemplo sinala que “na UCI de Adultos, cun caso positivo en coronavirus, de momento, parece que o material está non só racionado, senón que hai serias dificultades de abastecemento como son as batas de protección, respiradores FFP3, gafas de protección… material que resulta indispensable para, entre outras, executar as manobras necesarias e con garantías, xa que é material testado e que reúne unhas condicións técnicas existentes, aprobadas por diversa normativa europea”.

Adopción de medidas para as traballadoras en período de embarazo ou lactación

A CIG-Saúde de Compostela demanda ademais medidas axeitadas para que se evite a exposición ao Covid-19 das mulleres en período de embarazo e lactación no posto de traballo de forma que isto non poida influír negativamente nin na súa saúde nin na do feto ou do recén nacido.

Uniformidade do persoal

A CIG-Saúde tamén demanda unha mellor organización, xestión e coordinación da unidade de lencería coas distintas unidades/servizos e, para iso, solicita que se axilice a recepción da uniformidade limpa entregada pola lavandaría externa e entrega de roupa sucia. “Un circuíto para desbotar a uniformidade unha vez acabada a xornada de traballo”.

Ademais, nas unidades de críticos (UCIs, Reanimación…) e calquera outra que se dispoña de uniformidade á entrada das unidades, en cantidade e talles suficientes. Isto xunto coa posibilidade de adquisición de uniformidade desbotable e dun só uso, ao igual que noutras Xerencias.

Para a CIG-Saúde é esencial, canda isto, que se dea información e se difunda entre o persoal, da importancia de non levar os uniformidade para a súa vivenda.

Volver