CIG-Saúde de Compostela denuncia a falta de medidas de Seguridade no Psiquiátrico de Conxo

A área sanitaria de Santiago é a que máis violencia laboral rexistra de toda Galiza
Compostela - 28 Abr 2022

Coincidindo co Día Mundial da Seguridade e a Saúde no traballo, persoal do Hospital Psiquiátrico de Conxo concentrouse esta mañá diante do centro sanitario para denunciar os episodios de violencia laboral que padecen e reclamar un Plan Funcional, medidas de seguridade mais tamén un Plan de Humanización do SERGAS que facilite a atención e coidado das persoas con doenzas mentais.

Segundo explicou no decurso da concentración Irene Tato, do último Informe anual de episodios de violencia laboral externa rexistrados no Servizo Galego de Saúde, a área sanitaria de Santiago é a que máis violencia laboral rexistra, nomeadamente nas unidades UAE e 1BM, que son as máis afectadas.

Porén, denunciou que malia estes resultados, “a Xerencia mostra pasividade na planificación da priorización de toma de medidas preventivas, medidas organizativas, medidas médicas e medidas estruturais que se precisan.

Nese sentido apuntou “a falta de protocolos para doentes con especial agresividade” e de plans individualizados centrados nun tratamento rehabilitador, para conseguir a maior funcionalidade, autonomía e reinserción posible para e/o doente.

Xunto a isto Tato sinalou tamén as carencias estruturais para o desenvolvemento de actividades de coidados, con falta de espazos nas unidades, zonas comúns ou salas de visita, entre outros e demandou sistemas de soporte como medio de alerta inmediata para todas as profesionais.

Sen Plan Funcional

A representante de CIG-Saúde denunciou ademais que o hospital Psiquiátrico de Conxo carece, a día de hoxe, dun Plan Funcional no que se definan as diferentes unidades e servizos, os recursos materiais e humanos necesarios, tendo en conta todas as categorías profesionais e establecendo ratios de seguridade doente/persoal, con definición de funcións, plans de formación, protocolos asistencias, de actividades, de prácticas seguras e de métodos de traballo, avalados polo Plan de Garantía de Calidade e Seguridade da Área sanitaria.

Plan funcional que entende que “é imprescindible para garantir unha asistencia sanitaria segura e de calidade”.

Respecto do estado estrutural, a nivel xeral, do Hospital Psiquiátrico, afirmou que “segue nos anos 80” pola falta de mantemento. “Descoñecemos a creación do plan de adaptación para a mellora estrutural que tanto prometeu a Xunta”, dixo, porque “segue chovendo máis dentro que fóra e as ventás seguen filtrando frío e chuvia, as paredes descónchanse, os azulexos caen, mentres o persoal ten que traer a chaqueta polar da casa”.

Neste sentido denunciou ademais que tampouco se denuncia, por parte da Xerencia o non cumprimento da hixiene básica por parte do servizo de limpeza externalizado.

Humanización do SERGAS

A CIG-Saúde denuncia ademais o esquecemento do Plan de Humanización do SERGAS, que non ofrece os soportes sociosanitarios e extrahospitalarios axeitados. “Só se implantan medidas caóticas de traslados de doentes a lugares non preparados para o coidado e atención de persoas con doenzas mentais graves, moitas delas obrigadas a abandonar o que foi o seu fogar durante décadas sen un tratamento emocional axeitado e que acaban regresando agravando as súas patoloxías”, conclúe Tato.