CIG-Saúde de Compostela denuncia en Inspección a “masificación” nos vestiarios do CHUS

Asegura que se incumpre a Guía para prevención de riscos con axentes biolóxicos nos uniformes
Compostela - 17 Nov 2020

Vestiarios insuficientes para o persoal, falta de taquillas, tanto para persoal eventual como fixo, falta de dispensadores de papel secamáns, falta de toallas, de perchas, aforo excesivo que impide manter as distancias de seguridade, masificación na zona de duchas e colas para facer uso delas ou auga imposible de regular. Estas son algunhas das cuestións que se salientan na denuncia que a CIG-Saúde Compostela presentou esta mañá perante a Inspección de Traballo, a terceira nun mes “pola incapacidade da Xerencia de dar respostas e adecuación de espazos, non agora senón dende o comezo da pandemia”, explican.

No escrito rexistrado hoxe sinálanse cuestións como a imposibilidade de manter as distancias de seguridade polo exceso de armarios acumulados nos espazos dos vestiarios, que incumpren “claramente” o protocolo de PRL do Ministerio, onde consta que debe manterse unha distancia de seguridade entre traballadoras/es de 1,5 metros e que os aforos dos locais deben establecerse respectando as medidas de seguridade.

Isto, segundo a CIG-Saúde, ten provocado queixas constantes do persoal que se ve abocado a agardar para facer uso dos vestiarios ou, como no caso do de Urxencias, a utilizar un edificio anexo e non pertencente ao ámbito hospitalario para poder lavarse ao rematar a xornada en zona covid.

A denuncia recolle os numerosos escritos dirixidos tanto ao comité de Seguridade e Saúde, como á Xerencia da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza por estas cuestións sen que, até a data se fixera absolutamente nada.

Deficiencias que afectan tamén a uniformes e lencería

Na denuncia tamén se recollen os escritos presentados en relación cos uniformes e a lencería. A covid puxo en evidencia non só a importancia de contar con EPIs, senón tamén a importancia de que os uniformes estean deseñados para evitar contaxios. Por iso o persoal solicitou novos modelos de uniformes abertos pola parte dianteira a modo de chaqueta e que se puidera pechar con corchetes.

O modelo actual, de casaca “non é garantista na prevención de riscos relacionados con axentes biolóxicos, ao ter que sacarse pola cabeza arrastrando a contaminación pola cara e o pelo”, sinalan.

Un problema ao que engaden deficiencias no circuíto de lavado, ao non prover en tempo e cantidade suficiente a uniformidade; uniformes que se extravían ou deterioran ou falta de organización e instrucións de cómo recoller e desbotar para contaminar o menos posible. A este respecto, a administración quedou pendente de presentar un proxecto, para o que aínda están esperando.

Resulta rechamante que o persoal teña que remexer nos andeis á busca da súa uniformidade ou que falte uniformidade desbotable. Denuncias e demandas que a CIG-Saúde vén remitindo á Xerencia, con especial insistencia desde o mes de marzo deste fatídico 2020 nas que se pide que se axilice a recepción da uniformidade limpa e entregada pola empresa externa e circuítos para desbotar a uniformidade sucia. Algo que semella esencial en tempos de pandemia.