Denuncian en Inspección á Xerencia de Santiago por non realizar avaliación de riscos fronte o COVID-19

No Psiquiátrico de Conxo úsanse máscaras de tela e non se garante o distanciamento social
Compostela - 14 Abr 2020

A CIG-Saúde de Compostela vén de presentar denuncia perante a Inspección de Traballo e da Seguridade Social contra a Xerencia de Xestión da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza por non actualizar ou revisar a avaliación de riscos por modificación das condicións de traballo (isto é, por mor do risco do Covid-19) e pola existencia de danos a saúde dos traballadores/as “xa que, a data de hoxe, un gran número de traballadoras e traballadores resultaron infectadas/os por SARS-CoV-2 no seu posto de traballo, por falta de adopción de medidas de prevención ou protección por parte da Xerencia desta Área Sanitaria”.

A CIG-Saúde considera que se infrinxiu así o art. 16.2 da Lei 31/1995 e que se incumpriron os protocolos do Ministerio de Sanidade existentes ao respecto. Lembra que nesta Área sanitaria é de aplicación o “Procedemento de Actuación para os Servizos de Prevención de Riscos Laborais fronte á Exposición SAR-Cov-2”, do 8 de Abril, no que se especifica que xa que o contacto co virus pode afectar a espazos sanitarios e non sanitarios, corresponde ás empresas avaliar o risco de exposición e seguir as recomendacións que a este respecto emita o servizo de prevención, seguindo as pautas e recomendacións formuladas polas autoridades sanitarias”.

Lembra que o  art. 16.2.a da Lei 31/1995, dispón que, “a avaliación será actualizada cando cambien as condicións de traballo e, en todo caso, someterase a consideración e revisarase, se fose preciso, con ocasión dos danos para a saúde que se produciran”.

Do mesmo xeito sinala que segundo os criterios operativos da propia Inspección de Traballo a actividade da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza enmárcase dentro das empresas nas que existen postos de traballo con risco de exposición profesional ao SARS-CoV-2, e polo tanto, corresponde a estas empresas avaliar o risco de exposición ao novo coronavirus e seguir as recomendaciones que sobre o particular emita o servizo de prevención, seguindo ademais as pautas e recomendaciones formuladas polas autoridades sanitarias.

Sen resposta ás solicitudes de revisión

Porén CIG-Saúde de Compostela denuncia que malia isto e malia ter requirido da Xerencia a revisión das avaliacións de risco nas unidades de Urxencias, Pediatría, UCI-Adultos , Reanimación, así como as diferentes plantas que agora mesmo tratan aos enfermos COVID, “a día de hoxe non se recibiu por parte desta organización sindical, ningún informe de avaliación actualizado ou revisado por modificación das condicións de traballo por mor do risco do Covid-19”. Por iso conclúe que non se fixo esa revisión e que, polo tanto, se incumpriron tanto os Protocolos como a Lei de Prevención de Riscos Laborais.

Deficiencias na formación preventiva do persoal

CIG-Saúde de Compostela tamén remitiu, o pasado 26 de marzo, un escrito dirixido á Xerencia denunciando as deficiencias na formación do persoal en relación ao Covid-19, destacando que “a formación estábase a impartir por parte do Servizo de Prevención de Riscos da Área Sanitaria de Santiago, coas traballadoras e traballadores amoreados nos controis de enfermería/aulas e de maneira improvisada, sen gardar o distanciamento social de 2 metros e, sen ningún tipo de planificación previa”.

Xunto a isto, advertíuselle á Xerencia que a formación debía non ser unicamente teórica, senón tamén práctica, facendo que o persoal quitara e puxera os EPIS na formación, para desta maneira interiorizar os contidos.

A CIG-Saúde considera ademais que o Plan de Prevención fronte o SAR-Cov-2 desta área sanitaria  “parece feito á medida dos recursos existentes e é menos proteccionista e garantista no tocante aos Equipos de Protección Individual e en medidas de distanciamento social” que o do Ministerio. De feito sinala que con este Plan estaríase incumprindo o protocolo da autoridade sanitaria en materia de distanciamento social; no uso das máscaras FFP2  e da súa reutilización por parte do persoal a cargo de enfermos diagnosticados con COVID-19, cando estas máscaras son dun só uso, e no caso de que se tivesen que reutilizar, deberían pasar por un proceso de esterilización acreditado que non danase as súas capacidades protectoras e non gardarse en sobres para as seguintes quendas de traballo; na falta de protección respiratoria en Triaxe, Consultas Externas,  (exploración física a pacientes sen síntomas, onde unicamente se establece como medida a hixiene de mans…) ou nas Áreas administrativas, onde se indica que na atención a pacientes sen síntomas, non é necesario EPI.

Segundo a CIG-Saúde tampouco as batas que se proporcionan ao persoal cumpren os requisitos de EPI certificado. “Estase dotando ás traballadoras e traballadores de batas das que non dispoñemos de ningún informe de validación deste equipo co que o que se está a entregar non sabemos si cumpre coa certificación de roupa de protección fronte ao risco biolóxico, como se exixe no protocolo ministerial”.

Máscaras de tela no servizo de Psiquiatría do Hospital Psiquiátrico de Conxo

Para a CIG é especialmente grave a situación no Hospital Psiquiátrico de Conxo, onde se implantaron  máscaras de tela tanto no servizo de Psiquiatría como na cociña, sen estar validado este EPI por parte do servizo de prevención. “Non se dispón da ficha técnica deste equipo, non se sabe se ten certificación de EPI ou de Produto Sanitario, nin de que protexe”. Alerta de que se pode estar dando unha falsa sensación de protección ao persoal e provocar así un incremento dos contaxios por Covid-19. “Mesmo fanse observacións de que se poden levar a casa a lavar, o que ao noso modo de ver, pode ser unha fonte de contaminación innecesaria”.

Ademais, lembra que no Psiquiátrico de Conxo, que é nestes momentos unha institución pechada, tampouco se garante o distanciamento social correspondente entre os enfermos; unha limpeza máis exhaustiva nas noites, fins de semana e festivos, que requiriría un reforzo de persoal encargado do mesmo; un plan de formación e de actuación específico para o persoal, acorde coas necesidades do centro nin a dotación de material EPI a fin de garantir o traballo nas mellores condicións de seguridade e saúde.