CIG-Saúde denuncia o desmantelamento da atención sanitaria no rural da comarca de Compostela

Desprazan e recortan horarios das matronas dificultando a atención á saúde das mulleres
Compostela - 06 Feb 2020

A matrona titular do centro de saúde de Tordoia foi trasladada ao centro de saúde de Fontiñas, en Compostela a través dun procedemento “irregular e ilegal”. A CIG-Saúde de Compostela denuncia que isto obrigará ás mulleres deste concello a facer 40 quilómetros para ir á consulta en Ordes, o que provocará unha sobrecarga para a matrona deste centro de saúde que xa asume a atención das mulleres desta vila, as de Frades, as de Tordoia e, a maiores, as de Mesía cando a titular dese centro de saúde está de baixa ou colle as vacacións.

Por iso a CIG-Saúde de Compostela convocou esta mañá unha concentración, para denunciar o desmantelamento dos servizos sanitario no rural e o crecente afastamento da atención sanitaria da poboación, neste caso das mulleres.

Sinalan que concellos como o de Frades ou o de Ordes xa acordaron instar ao SERGAS e á consellaría de Sanidade a mellorar o servizo de matrona e denunciaron que a propia CIG-Saúde está pendente dunha reunión para abordar esta cuestión co SERGAS desde o 18 de outubro se que a día de hoxe teñan aínda unha data para a súa celebración.

Programa da muller

Denuncian ademais que os datos emanados do SERGAS “están nesgados” porque establecen o rango de actuación do Programa da Muller entre os 15 e os 65 anos, excluíndo as mulleres que non están nese abano de idade. “Fan ese rango para calcular o número de mulleres que precisan atención e crean, en función diso, un posto de matrona, cando a realidade é que fan máis traballo porque as que están fóra dese abano tamén precisan atención”.

Xunto a isto denuncian que o SERGAS non entra nos programas de atención integral á muller, prevención de incontinencias urinarias, saúde sexual, menopausia, atención no climaterio ou prevención de cancros xinecolóxicos.

Para a CIG-Saúde esta situación está a provocar que haxa mulleres tratadas como de primeira ou de segunda en función do concello no que viven, neste caso Tordoia. Lembran que segundo a lexislación e os modelos de xestión que se implantan “hai que centrar a atención no doente coa implicación de todos os profesionais na toma de decisión mediante o uso da xestión clínica como ferramenta para evolucionar dun sistema xa superado de organización por compartimentos a outra transversal.

‘Recortan’ a matrona de A Baña

Algo semellante ocorre na Baña, onde un cento de persoas se concentraron o pasado sábado diante do centro de saúde, convocadas pola CIG-Saúde, para protestar polo novo horario asistencial que se lle impón desde a Xerencia de Santiago, á matrona. Concentración que se repetirá o vindeiro sábado de 10:00 a 12:30 horas.

Até o de agora, viña desenvolvendo unha xornada de 4 horas (mínimo de 10:00-14:00 hs), pero co novo horario pasa a ter de 10:00 a 12:30 de tempo presenza e o resto do treito horario de 8:00-10:00 e de 12:30-15:00 horas ten que estar localizable no concello. “Volvemos asistir a un caso máis de desmantelamento da medicina rural e dos equipos que a forman, e neste caso, nun incumprimento da carteira de servizos que oferta a propia xerencia de xestión”, denuncian desde a CIG-Saúde de Compostela .

Por iso demandan da Xerencia que expliquen como incorren en gasto, xa que até o de agora ese centro non prestaba asistencia sanitaria o sábado, porque se facía garda no concello limítrofe de Negreira. Ademais agora, ante a denuncia de CIG-Saúde a xerencia tivo que contratar un traballador, xa que o sábado anterior tivera que estar soa no centro, “o que é  a todas luces unha ilegalidade”, afirman.

A matrona conta co apoio das mulleres dos concellos de A Baña e de Negreira que ese mesmo día estiveron a recoller sinaturas para presentar diante do SERGAS, co obxectivo de que muden esta decisión.

Na mobilización participou tamén unha representación do colectivo de Matronas e da asociación da mesma.

Dáse a casualidade de que no concello de A Baña tamén se iniciaron hai uns 20 días mobilizacións ante a falta de pediatra o que vén confirmar a folla de ruta do PP de desmantelamento da sanidade pública no rural e o afastamento de servizos da poboación.