CIG-Saúde de Compostela denuncia que a Xerencia da Área de Santiago non aplica as normativas legais ante o Covid-19

Advirte da inquedanza e medo do persoal “ao sentiren que os mandan a loitar contra o virus, sen formación e sen armas”
Compostela - 31 Mar 2020

CIG-Saúde de Compostela vén de denunciar que a Xerencia da Área sanitaria de Santiago, ante a pandemia do COVID 19, non está a actuar baixo unhas directrices legais e aplicando as normativas acordadas. Asegura que non informa nin á Xunta de persoal nin ás organizacións sindicais, nomeadamente á CIG; non garante un plan de prevención fronte o risco que constitúe o coronavirus, non dota ao persoal de EPIs; non ten planificada a prevención e non escoita ás/aos profesionais.

CIG-Saúde de Compostela salienta que “as/os profesionais son o principal activo da nosa sanidade” e defende, como organización sindical que ten o deber de preservar os intereses socio-laborais e profesionais das traballadoras e traballadores do sector, unha xestión sanitaria que dispoña das ferramentas, materiais auxiliares, consumibles, equipos de protección individuais e dos protocolos necesarios para asegurar a calidade asistencial e dar seguridade tanto a profesionais como a doente. “Máis aínda nestes intres, que é unha cuestión preocupante, xa que o número de profesionais sanitarios infectados/as polo novo coronavirus no estado español aumenta cada día”.

Falta de información

Por iso denuncia que a Xerencia non informa á CIG-Saúde, como organización sindical, nin á Xunta de Persoal, como órgano de representación das traballadoras e traballadores, e que desempeña as súas funcións como órgano colexiado.

Ao seu entender isto o que demostra é que “quen dirixe a Área sanitaria de Santiago ten unha organización do traballo enfocada o día a día, con escasa ou nula planificación estratéxica a curto e medio prazo”. Denuncia, por iso, que se está incumprindo a normativa vixente de Órganos de representación de traballo e participación do persoal ao servizo das Administracións Públicas.

Profesionais sen os recursos necesarios

Asegura que a Xerencia é incapaz de garantir o plan de prevención fronte ao risco laboral que constitúe o coronavirus, ao non dotar dos recursos necesarios aos profesionais e non asegurar o cumprimento dos protocolos en canto á correcta realización das medidas de prevención indicadas para asegurar o uso correcto dos equipos de protección individual. “O que fan é berrarlle e/ou reprender aos profesionais, que se ven indefensos ante a carencia de material e ante a falta de información e formación en prevención fronte o risco do COVID19”.

Chama a atención ademais sobre a falta de coherencia existente entre os coñecementos, a básicos que sexan, que en materia de prevención de riscos biolóxicos ten o persoal da saúde, e as charlas na materia, avaladas desde a Xerencia, que provocaron “non só queixas das e dos profesionais sobre esta formación, senón que aumentaron o estado de inquietude e medo ao sentiren que os mandan a loitar contra o virus, sen formación e sen armas”.

A isto engade que o persoal é mobilizado “desorganizadamente entre as distintas unidades e incluso entre hospitais, expoñéndoos a eles mesmos, e aos pacientes, xa que poden actuar como potenciais vectores de transmisión. Temos restrinxida a mobilidade extra- hospitalaria, mentres nos expoñen dun xeito innecesario intra- hospitalariamente”, advirte. E asegura que “non podemos ser cómplices dunha Xerencia que renunciou á garantía e tutela do cumprimento dos dereitos das e dos traballadores ao incumprir os requisitos e condicións legais establecidas na normativa do sistema sanitario.

Medicina preventiva desbordada

A CIG-Saúde de Compostela subliña que a Unidade de Prevención de Riscos Laborais, que está desbordada pola carga de traballo, é a responsable da planificación da prevención: das medidas de acción preventiva, dos plans de actividades de control da efectividade de ditas medidas e dos plans de formación. Denuncia, en todo caso, que “a responsable desta unidade, a xefa de servizo, está a permitir que en dito servizo, con 5 técnicos de prevención, haxa desde hai semanas só dous e cos médico/ass do servizo de Medicina Preventiva totalmente desbordados coa súa repercusión nas traballadoras e traballadores”.

Queixas pola desorganización

A CIG-Saúde denuncia ademais que “nin escoitan aos profesionais dos distintos servizos, nin aos delegados/as de CIG-Saúde”. Sinalan que advertiron das queixas pola desorganización na formación en prevención de riscos laborais. Denuncian que malia termos aí Italia e mesmo Madrid, “nesta xerencia non existiu unha programación das accións a realizar dende o punto de vista de protección contra o COVID-19, onde se especificaran as datas para a realización das mesmas de xeito que acadaran a todo o persoal, o número de persoas que podían asistir a cada unha delas para evitar masificacións, e mesmo os servizos as que ían destinadas, tendo en conta as características propias de cada un”.

Outro dato que demostra a saturación da unidade, é a tardanza para facer a proba ao persoal que estivo en contacto cun doente positivo. “A espera polo test provoca ansiedade e estrés no profesional, tanto no referente á súa saúde, como a da súa familia”.

Diante disto amosan a súa sorpresa e pregúntanse  polo motivo polo que a Xerencia está a repartir unhas “máscaras caseiras de tela en hospitais, que non contan con ningunha certificación de produto sanitario, nin unha avaliación por parte do servizo nin a comprobación ou control, nin testadas para que se adecúen a legalidade vixente”.

Sen plan de continxencia no hospital psiquiátrico

Tampouco entenden que no hospital psiquiátrico non exista un plan de continxencia que estableza as medidas óptimas tanto  para o persoal como para os  pacientes, cando ante as evidencias constatadas, de positividade e mesmo mortes entre poboacións institucionalizadas (véxanse residencias da terceira idade), faise necesario e urxente, un plan especifico para este centro.

A este respecto apuntan que “dentro deste recinto non se incremente o persoal de limpeza nas noites, festivos ou fins de semana, ou que non se modifiquen algúns dos circuítos de traballo”, son as principais queixas (entre outras ) do persoal.

CIG-Saúde advirten de que non permitirá “que os destinos das e dos profesionais da sanidade, estean entregados as incertidumes e oscilacións dunha Dirección carente de Plans Funcionais e Protocolos nas distintas Unidades/servizos para que funcionen os plans de continxencia fronte aos casos de infeccións polo Coronavirus”.