CIG-Saúde de Compostela descolga unha pancarta no Hospital Clínico en demanda da carreira profesional

A acción insírese na campaña pola recuperación de dereitos laborais, salariais e sociais
Compostela - 06 Out 2017

A CIG-Saúde de Compostela descolgou unha pancarta na fachada do Hospital Clínico en demanda da recuperación da carreira profesional, un dereito que foi paralizado coa chegada de Feixóo ao goberno da Xunta de Galiza. A acción insírese na campaña que se vén desenvolvendo en toda Galiza pola recuperación dos dereitos laborais, salariais e sociais que foron arrebatados ao persoal da sanidade pública galega so pretexto da crise.

Así o explicou Camilo Agulleiro quen lembrou que a carreira profesional é un dereito que teñen todas as traballadoras e traballadores do sector público, que na sanidade xa se aplicaba pero que foi paralizada. “A data de hoxe hai unha grande discriminación entre quen xa a tiña recoñecida e a cobra de antigo e a xente que non cobra pola conxelación dese dereito”.

A campaña vai dirixida a demandar a recuperación de todos os dereitos, pero a CIG-Saúde de Compostela insiste especialmente neste porque “é o máis gravoso, no que máis diferenzas salariais hai entre quen a cobran e quen non” e debe recoñecerse para todos os colectivos profesionais tanto o persoal fixo como o contratado.

Agulleiro explica que no ano 2010 ao persoal non sanitario de xestión e servizos deixóuselle de aplicar o 4º grao de carreira extraordinaria e o persoal que ía cobrar a carreira ordinaria nese ano xa non tivo ese dereito porque se aplicaron os recortes.

O representante da CIG-Saúde de Compostela lembra ademais que hai outras comunidades do resto do resto do Estado español que tamén viron conxelado ese dereito no seu momento, pero xa o recuperaron. “Os salarios do persoal sanitario en Galiza xa eran inferiores aos do persoal sanitario doutros servizos de saúde do Estado, agora ao nós continuar coa carreira profesional conxelada e no resto das comunidades recuperala, as diferenzas salariais agrandáronse. Segundo os datos que temos, estariamos de feito de terceiros pola cola”, explica Agulleiro.

Recuperando este concepto retributivo que ten en conta o tempo traballado, cursiños e a adquisición doutros méritos, minoraríase a diferenza salarial que hai respecto do conxunto do Estado e que varía entre os diferentes colectivos.

A modo de exemplo Encarna Brión afirma que tendo os catro anos de carreira profesional recoñecidos un/unha enfermeiro/a cobra 600€ máis ao mes que quen non a ten, facendo exactamente o mesmo traballo. No caso de persoal facultativo as diferenzas son maiores e no caso de celadores/as menores, pero “en auxiliares a diferenza salarial pode ser de 300 euros, moi grande se temos en conta que estamo falando de salarios de 1.000€”, subliña.