CIG-Saúde de Lugo advirte da falta de roupa de cama en todo o HULA
A CIG-Saúde de Lugo advirte da falta de roupa de cama en todo o Hospital Lucus Augisti, algo que afecta tamén a servizos especialmente sensíbeis. Esta situación vense producindo dende hai tempo e "cada vez vai a peor", de tal xeito que unidades como Urxencias, UCI ou REA "quedan, ás seis da tarde, con catro almofadas e oito mantas, mentres as/os doentes nas plantas de hospitalización pasan frío, porque o pouco que hai déixase nestes servizos".
Dende CIG-Saúde explican que a roupa do HULA vai facer o lavado á lavandería do CHUAC, "pero por algunha causa que descoñecemos non volve toda; é máis, vai unha determinada cantidade de roupa nova e volve a metade de roupa vella", alertan.
Pero a estas alturas do ano, xa non hai orzamento para sacar roupa nova. "A roupa desaparece na Coruña, programar un sistema de trazabilidade é moi caro, co cal a problemática parece irresolúbel e é imposíbel asumir que nun hospital público isto non teña remedio", asevera a CIG-Saúde.
A central considera intolerábel que o persoal teña que pelexarse por unha peza de roupa para que as/os doentes non o pasen mal, como tampouco é tolerábel que as traballadoras da lencería "teñan que poñer a cara coas compañeiras porque as primeiras piden roupa e as segundas non a teñen".
Sen solucións da dirección
Hai xa dous meses, a representación da CIG volveu trasladar esta problemática á dirección, "pero a estas alturas seguimos igual. O único que fixeron foi quitar prazas de estacionamento para facerlle sitio ao camión que vén sen roupa, o que non deixa de ser unha boa sorna".
Ante a falta de actuacións por parte da dirección, quen intenta resolver o problema "son as traballadoras da lencería, facendo equilibrios numéricos para repartir un pouquiño en cada sitio, o que resulta fatigoso e o resultado é pouco agradecido". Por iso, a CIG-Saúde demanda da dirección que se poña a traballar de inmediato na busca dunha solución e que se garanta a roupa necesaria en cada unha das unidades.