Demandan a convocatoria da mesa sectorial para abordar o incremento retributivo do persoal do Sergas

Dende a CIG-Saúde lembran que xa se convocou para o persoal docente
Nacional - 18 Mai 2018

A CIG-Saúde reclama, máis unha vez, a convocatoria da mesa sectorial para iniciar un proceso de negociación que permita ao persoal do Sergas recuperar os dereitos laborais e poder adquisitivo perdido. Lembra que a consellaría de Educación convocou, o pasado mércores día 16 de maio, a súa mesa sectorial.

Malia non querer abordar todas as cuestións que vén demandando a CIG-Ensino e o conxunto do profesorado -e de nacer viciada por ter xa negociado por detrás coas outras organizacións sindicais-, ponse de manifesto que na Xunta de Galiza hai consellarías que poden sentar a negociar. Porén desde o Sergas hai unha negativa reiterada a abordar calquera cuestión relativa á recuperación dos acordos retributivos e de dereitos roubados ao persoal da sanidade pública galega desde o ano 2009.

A secretaria nacional, María Xosé Abuín, lembra que as traballadoras e traballadores do Sistema Sanitario Público Galego teñen suspendidos acordos retributivos como o de 2008-12, que foi conxelado no ano 2010, o que provocou que as retribucións do persoal do Sergas “estean no furgón de cola dos sistemas de saúde das comunidades autónomas”.

Xunto a este, suspendeuse tamén o acordo retributivo do persoal dos Puntos de Atención Continuada (PACs), co que se castigou ao persoal médico e de enfermaría a percibir o 80% da contía retributiva de noites e días festivos.

Carreira profesional

O mesmo ocorre coa carreira profesional e a proposta que o Sergas presentou na mesa sectorial, que a CIG-Saúde xa denunciou polo seu carácter discriminatorio e restritivo.

Por iso exixe a convocatoria inmediata dunha mesa sectorial do Sergas na que se aborde a recuperación dos acordos asinados e suspendidos, e a negociación dunha carreira profesional sen discriminación e cun sistema de encadre que sitúe a cada profesional no grao que lle corresponde. “Non ten ningunha xustificación que o Goberno de Feixoo e a Consellaría de Sanidade sigan a discriminar ao persoal do Sergas, condenándoos a ter as retribucións máis baixas en comparación co resto dos servizos de saúde, e tamén co resto das/os traballadoras/es da Función Pública Galega”, conclúe Abuín.