CIG-Saúde denuncia que a sanidade privada ataca os dereitos laborais do seu persoal en plena emerxencia sanitaria

Demanda da consellaría que os obrigue a manter o persoal e respectar os seus dereitos

Nacional -

A CIG-Saúde vén de denunciar a actitude da sanidade privada que “fronte a alarma sanitaria que estamos a vivir" responde despedindo o persoal ou limitando os seus dereitos laborais. Por iso dirixiuse á consellaría en demanda de que os obrigue a respectar e manter as súas traballadoras e traballadores e a poñer os seus recursos materiais e humanos a disposición do sistema sanitario público.

María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde sinala que estes centros hospitalarios da sanidade privada de Galiza traballan durante todo o ano cunha importante carga asistencial derivada da sanidade publica. Por iso considera que o seu comportamento é “desleal e irresponsábel coas medidas excepcionais dirixidas a garantir a dispoñibilidade de centros e de  profesionais, para facer fronte á asistencia crecente derivada do coronavirus SARS-COVID19”.

Diante desta actitude a CIG-SAÚDE exixe que, desde a Consellaría de Sanidade, en relación ás competencias que lle confire  o Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo,  e as  Ordes ministeriais publicadas para a súa correcta aplicación, nas que  se recolle que os centros de titularidade privada contribuirán a reforzar o sistema de saúde en todo o territorio do Sistema Nacional de Saúde; obriguen a estes centros a manter abertas as súas instalacións e o mantemento do cadro de persoal a disposición do sistema sanitario.

Lembra que a lexislación galega tamén recolle a capacidade da Consellaría de Sanidade, en situacións excepcionais,  para manter baixo a súa dirección os centros da sanidade privada, e  garantir a dispoñibilidade das/os profesionais para facer fronte á carga asistencial crecente.

Entende que os hospitais e establecementos sanitarios  da sanidade privada de Galiza están incluídos na normativa anteriormente relacionada, polo que considera que todo o persoal destes centros debera estar a disposición do sistema sanitario publico para cubrir as necesidades asistenciais que puideran xurdir como consecuencia do incremento de actividade producida polo COVID 19.

Reorganización dos servizos

Para Abuín non caben nin proceden, neste intre, os despedimentos, a concesión de vacacións e outros permisos encamiñados a que esta empresa non cumpra coas súas obrigas legais. Pola contra, o que  si procede “é a reorganización dos servizos, ou como recolle o Decreto de Alarma Sanitaria  as medidas de desenvolvemento, organizar quendas de traballo para que o persoal non acuda todos os días ao centro de traballo, garantindo así a súa protección a súa seguridade e a da poboación”.

Por iso agarda que desde a Consellaría de Sanidade se tomen as medidas oportunas para que os centros da sanidade privada estean a disposición, e ao servizo do sistema sanitario e da poboación de Galiza.

Volver