A CIG-Saúde denuncia a nula receptividade da Consellaría de Sanidade na cuestión asistencial e laboral de Povisa

A central advirte de que o cambio de accionariado pode mudar o modelo asistencial e as condicións laborais
Nacional - 08 Nov 2019

A CIG-Saúde denuncia a ausencia total de diálogo coa consellaría de Sanidade coa que despois de múltiples intentos e de presionar mesmo con mobilizacións conseguiu manter unha xuntanza para tratar as cuestións asistencias e laborais referidas a Povisa.

A secretaria nacional, María Xosé Abuín, explica que o argumento esgrimido polo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña “foi patético” porque ante a preocupación da CIG-Saúde pola situación na que queda a atención sanitaria na área de Vigo, que atinxe a máis de 135.000 persoas, e a situación laboral do cadro de persoal “só foi quen de dicir que a consellaría de Sanidade segue a ter un contrato con POVISA, que esta non desaparece e que o único que cambia é o accionariado”.

Diante disto Abuín pregúntase se é por “inxenuidade ou por incapacidade” que o conselleiro dá esta resposta, porque “un cambio de accionariado pode mudar todo o modelo asistencial e as condicións laborais do persoal, se así o decide a empresa á marxe do que pense a consellaría de Sanidade”.

Mercar POVISA

Desde que a CIG-Saúde coñeceu a intención de Ribera Salud, da multinacional Centene, de adquirir POVISA, defendeu que esta fora mercada pola Xunta de Galiza para xestionala directamente desde a sanidade pública.

Esta compra permitiría planificar a área sanitaria de Vigo sen interferencias dunha empresa privada que leva 40 anos condicionando o seu desenvolvemento e garantiría a asistencia sanitaria a toda a poboación con recursos públicos, en igualdade de condicións e servizos, e cun ratio mínimo de profesionais por número de doentes, o que garantiría a calidade asistencial.

Por iso, na xuntanza, volveu poñer sobre a mesa esta cuestión. “O conselleiro respendeu a isto que se POVISA pasaba a sanidade pública esta tamén tiña que asumir as débedas do centro hospitalario privado”.

Abuín denuncia que, “en primeiro lugar, non nos dixeron a canto ascendía esa débeda; segundo, entendemos que parte desa débeda foi xa amortizada cos incrementos do concerto que lle deu a consellaría; terceiro, estamos convencidas de que esta operación tiña como obxectivo sanear as contas para facilitar a venda á multinacional Centene e xa por último, o que nos parece alucinante é que pretendan convencernos de que esa multinacional vai actuar como unha ONG, mantendo a calidade, os postos de traballo, a débeda da que fala a consellaría e ademais poñer sobre a mesa os cartos para mercar POVISA”.

Xunto a isto, e ante a pregunta de que medidas vai a adoptar a consellaría para manter a calidade asistencial e o cadro de persoal o conselleiro limitouse a responder que xa o estudarían.

Porén para a CIG-Saúde a preocupación é que “os despedimentos poidan producirse pola vía da externalización, por parte de Centene, de servizos que actualmente presta POVISA”.