CIG-Saúde denuncia a privatización da codificación hospitalaria na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte
A CIG-Saúde rexeita a decisión da Xerencia da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos de contratar unha empresa privada para realizar as tarefas de codificación das altas hospitalarias e da hospitalización a domicilio, unha función que até o de agora viña sendo desempeñada polo propio servizo público de admisión.
Esta decisión supón un novo paso no proceso de privatización encuberta da sanidade pública galega, xa que implica que unha empresa privada teña acceso ás historias clínicas das e dos pacientes atendidos nos hospitais públicos, co conseguinte risco para a confidencialidade dos datos sanitarios e para a calidade do servizo.
A CIG-Saúde lembra que existe persoal técnico superior en documentación sanitaria incluído nas listas de contratación temporal do Sergas, formado e plenamente capacitado para desenvolver estas tarefas. “Non hai ningunha xustificación para recorrer a unha empresa privada cando hai profesionais públicos dispoñibles”, denuncia a organización sindical.
Desde a CIG-Saúde esíxese a reversión inmediata desta decisión e que a Xerencia proceda á contratación de persoal das listas oficiais para reforzar os servizos de admisión e documentación sanitaria. “A codificación hospitalaria é unha función esencial e debe permanecer baixo control público, garantindo tanto a protección dos datos das e dos pacientes como a estabilidade e dignificación do emprego no sistema sanitario público”, aseveran.