CIG-Saúde denuncia á Xerencia do CHUS por ocultar información dos riscos do laboratorio de Anatomía Patolóxica

Vulnera a Lei de Prevención de Riscos ao non proporcionar información
Compostela - 30 Xan 2020

A CIG-Saúde de Compostela vén de presentar denuncia perante a Inspección de traballo e nos Servizos Centrais do SERGAS por unha posible infracción en materia de seguridade, e en cumprimento da Lei de Prevención de Riscos Laborais, polas deficiencias estruturais e organizativas do Laboratorio de Anatomía Patolóxica do CHUS.

Segundo explica o delegado de prevención da CIG-Saúde, Xosé Alvedro, levan solicitando reiteradamente información e un informe de avaliación de riscos desde o ano 2016 “polos accidentes reiterados” que se producen neste laboratorio, sen que a día de hoxe se facilitara ou se adoptaran medida algunha.

Alvedro sinala que nese mesmo ano o Servizo de Medicina Preventiva remitiu un informe específico de exposición ao formaldehído e outros elementos, no laboratorio de Anatomía Patolóxica e as salas dependentes do mesmo, no que se facían constar unha serie de medidas preventivas inmediatas a adoptar na sala de tallado, na de Rutina 2 e na de Autopsias.

“Nese informe, no punto 10, indica unha serie de medidas a fin de reducir, entre outras, a exposición ao formaldehído e demais produtos potencialmente canceríxenos”, apunta o delegado de prevención de CIG-Saúde, quen engade que, xunto a isto, no punto 4, referido a “compostos orgánicos volátiles, recomenda a medición periódica para a validación dos datos obtidos nese informe”.

Accidentes

Pola súa banda, o tamén delegado de prevención da CIG, Antonio Ramos lembra que no laboratorio xa se produciron varios accidentes que ocasionaron mareos entre o persoal e múltiples queixas por picor de ollos, gorxa… e que mesmo obrigaron ás traballadoras e traballadores a requirir atención en urxencias. Situacións nas que a CIG-Saúde demandou que se abriran investigacións e requiriu a posta en marcha de actuacións inmediatas por parte do servizo de medicina preventiva.

Malia isto, e as numerosas incidencias denunciadas, desde fallos no funcionamento de extracción de gases, a problemas por non estar conectado de aspiración xeral e outras que provocaron molestias, irritabilidades e demais, “segue sen haber un informe e sen se adoptar medidas protectoras no servizo”, denuncia.

Por iso a CIG-Saúde decidiu, como último recurso, presentar esta denuncia na Inspección, á espera de que, dese xeito, a Xerencia do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago adopte as medidas preventivas necesarias e solucione as deficiencias estruturais e organizativas para evitar que se repitan os accidentes e os problemas de saúde do persoal.