CIG-Saúde denuncia nas Inspeccións de Traballo de todas as áreas sanitarias que o SERGAS non entrega roupa de traballo

Delegadas/os concentráronse diante da consellaría de Sanidade para denunciar a falta de medidas preventivas
Nacional - 16 Feb 2023

A CIG-Saúde denunciou esta mañá, no decurso dunha concentración de delegados e delegadas diante do edificio do SERGAS, en Compostela, a ausencia de medidas de seguridade e prevención de riscos nas distintas áreas sanitarias, desde falta de prevención ante agresións ou violencias, até inexistentes adaptacións de postos de traballo, problemas cos uniformes ou carencia de plans de emerxencia nos centros de atención primaria.

Respecto da uniformidade, que segundo explicou Xabier Alvedro debería ser anorak, pantalón e calzado, denunciaron que o persoal non ten o equipo completo para a atención de urxencias fóra do centro ou para a asistencia domiciliaria. “Así podemos ver frecuentemente, como o persoal atende accidentes de tráfico ou sae a facer probas fóra do centro, en condicións climatolóxicas adversas, coa súa propia roupa de abrigo e logo, teñen que permanecer mollados o resto da xornada”, explicou.

Respecto desta cuestión denunciou tamén que non se repón a roupa de traballo. “Levamos máis de dous anos sen repostos e os uniformes están obsoletos nos seus deseños. Ao persoal das listas de contratación só lle dan un uniforme ao ano e a roupa nin sequera se lava en tempo e forma. Non hai roupa de protección para determinados servizos nos que as condicións de traballo son adversas como o persoal de mantemento no exterior ou as traballadoras e traballadores que traballan moito tempo nos frigoríficos”, apuntou Alvedro.

Sen adaptación do posto de traballo

Os representantes de CIG-Saúde denuncian ademais que tampouco se fan en tempo e forma as adaptacións do posto de traballo, unha vez feita a avaliación pola unidade de prevención de Riscos Laborais”. Isto, indicou Alvedro, provoca que haxa persoal que “levamos máis de un ano agardando por unha adaptación de posto ante a súa minusvalía, cando unha empresa pública debería ser exemplarizante neste aspecto e acadar unha integración do seu persoal con eivas”.

Do mesmo xeito o representante da CIG afirmou que tampouco se fan as avaliacións iniciais e periódicas ao persoal o que implica que se estea traballando “sen ter un informe médico inicial, ou periódico, para determinado persoal con exposición a diferentes riscos”. Unha situación que deriva tamén da infradotación de persoal nas Unidades de Prevención de Riscos.

Falta de Prevención ante agresións ou violencias

En todo caso, para a CIG-Saúde é especialmente grave a falta de prevención ante agresións ou violencias. A este respecto Irene Tato denunciou que “non se pode ir en contra das Avaliacións de Risco das Unidades de Prevención” que lembrou que “recomendan que non traballe persoal só nos centros de saúde”.

Para ilustralo apuntou o caso dunha enfermeira “que traballa literalmente soa nalgún centro de saúde, pese a ter informes favorables da unidade de prevención que indican que hai que evitar esta casuística, o que fai que se expoña innecesariamente ao persoal a sufrir mesmo accidentes de consecuencias graves”.

Xunto a isto, a representante da CIG-Saúde chamou a atención sobra a falta dun protocolo claro ante accidentes ou agresións reiterativas cara ao persoal “sen que se adopten medidas organizativas”. Por iso Tato denunciou que “se está usando ao persoal de parachoques ante a falta de xestión e medidas pola inoperancia das Xerencias, cando hai problemas polas listas de agarda ou atrasos nos ingresos desde Urxencias, por exemplo”.

Infraestruturas obsoletas

A CIG-Saúde solicita tamén un plan para resolver os problemas provocados por unhas infraestruturas e mobiliario que non reúne as condicións de seguridade e que son potencialmente perigosas. Apuntan, como exemplo, o equipamento dos Laboratorios de Anatomía Patolóxica, as salas de preparación de Citostáticos, os Laboratorios de Microbioloxía, os Bancos de Sangue ou mesmo os quirófanos, entre outros.

Neste sentido Tato denunciou que a falta de planificación e mantemento das novas estrutura, nas que non se contemplan cuestións tan básicas como a climatización, chegan a producir desmaios de persoas usuarias porque “se alcanzan temperaturas de até 40 graos nas salas de agarda”.

Situación na Primaria

Xabier Alvedro denunciou ademais a ausencia de medidas e Plans de Emerxencia na Atención Primaria mais tamén en centros hospitalarios de primeiro nivel, o que leva a que “ante situacións de emerxencia como se teñen producido, o persoal e as e os usuarios teñan dificultade para seguir os procedementos de evacuación”.

Por iso con esta mobilización reclamaban ao SERGAS a adopción de protocolos claros e a adopción de todas as medidas necesarias para resolver a actual situación, en beneficio, non só do persoal, senón tamén das usuarias e usuarios da sanidade pública.