A atención sanitaria á covid non pode deixar sen asistencia o resto da poboación

Reclama a adopción de medidas urxentes para reforzar a Atención Primaria

Nacional -

“A atención sanitaria á pandemia da COVID-19 non pode ser excluínte do resto da asistencia que precisa a poboación”. Así o considera a CIG-Saúde que denuncia que a consellaría de Sanidade centrou o seguimento da Covid na Atención Primaria “sen dotala de recursos”. Por iso exixe que, de inmediato, se acometan as reformas estruturais precisas, incrementando o número de profesionais, poñendo en marcha as carteiras de servizo; reformando as áreas administrativas e desenvolvendo o mapa de competencias de Enfermería.

A secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, salienta os esforzos que está facendo o persoal de Atención Primaria para controlar a pandemia, co seguimento dos casos positivos nos domicilios, rastrexo de contactos, solicitude de probas e información de resultados, mais tamén para manter o seguimento das persoas con doenzas crónicas e dar resposta ás necesidades asistenciais da poboación.

Porén denuncia que as novas necesidades agudizaron os problemas. “A Atención Primaria xa partía dunha situación de sobrecarga e falta de recursos antes da pandemia. Agora chove sobre mollado”, afirma Abuín, que sinala que “o incremento das consultas telefónicas, necesarias para evitar a diseminación do virus entre a poboación máis vulnerable, puxo de manifesto que as áreas administrativas dos centros tiñan uns recursos materiais e humanos insuficientes. Non hai persoal que poida contestar os teléfonos e, en moitos casos, non hai nin teléfonos”.

A secretaria nacional de CIG-Saúde asegura que o persoal de medicina de familia e de enfermería ten as axendas cheas de citas para actividades que antes non realizaba e “non ten tempo para poder citar presencialmente nun prazo razoable ás persoas que o necesitan”.

Diante desta situación, a CIG-Saúde denuncia que a consellaría de Sanidade “está consentindo que se transmita á opinión pública que a situación xerada na Atención Primaria é responsabilidade das e dos profesionais”.

Reformas estruturais

Por iso exixe que se acometan as reformas estruturais que a Atención primaria precisa e para as que xa hai consenso entre todos os sectores: profesionais, sindicais, asociacións e sociedades científicas. “O traballo está feito, as solucións que precisa a Atención Primaria para dar resposta á situación actual de pandemia, sen deixar de atender ao resto de patoloxías, están recollidas  nas propostas que os grupos profesionais fan chegar á administración. Só falta que as escoiten e as poñan en funcionamento”, afirma María Xosé Abuín.

Medidas que se resumen en: dotar á Atención Primaria do persoal necesario en todos os colectivos profesionais para garantir unha asistencia integral e integrada; pór en marcha as carteiras de servizos de todas as profesionais; reformar as áreas administrativas escoitando as propostas do colectivo, e non só dotándoas de máis liñas telefónicas que son incapaces de atender e desenvolver o  mapa de competencias de enfermería, dotando os centros de saúde do persoal necesario.

“O dereito das e dos profesionais a traballar en condicións dignas, que permitan pór o seu coñecemento a disposición das necesidades da poboación e o dereito a recibir unha asistencia sanitaria pública e de calidade non poden seguir secuestrados pola ineptitude  da consellaría de sanidade”, conclúe Abuín.

Volver