CIG-Saúde denuncia que o hospital da Mariña queda sen especialistas en Uroloxía

Exixen á Directora do Distrito Sanitario que dea unha solución ou dimita
A Mariña - 25 Ago 2021

CIG Saúde A Mariña vén de denunciar que o hospital queda sen especialistas en Uroloxía durante a segunda quincena de agosto, o que na práctica supón a paralización e suspensión de todas as consultas, revisións, operacións cirúrxicas e o traslado das urxencias de uroloxía ao HULA. Por iso exixe á Directora do Distrito Sanitario da Mariña, María José Cortés Canay, que exerza as súas competencias e empregue os recursos necesarios para garantir unha atención urolóxica de proximidade e, de non ser capaz, que presente a súa dimisión.

A CIG-Saúde A Mariña lembra que o 30 de agosto de 2017 José Manuel Balseiro, explicou que a reforma da Lei de Saúde e a supresión da Área Sanitaria da Mariña, lonxe de debilitar o Hospital da Mariña, permitiría seguir ampliando a oferta de recursos cunha atención máis próxima, “algo que no día a día vemos que é unha mentira máis do Partido Popular”, sinala.

Xunto a isto apunta que o 6 de setembro de 2017 o anterior Conselleiro de Sanidade afirmaba que con esta reforma sanitaria, “avanzariamos” nun maior número de actividades que se poidan levar a cabo nos hospitais comarcais grazas ao desprazamento de especialistas que acudirían dende os hospitais centrais ata os comarcais, evitando dese xeito os desprazamentos dos cidadáns. Sinala ademais que o 21 de abril de 2020 a Xunta anunciaba que o futuro da sanidade galega será por teléfono.  

Diante disto pregúntase se “é este un exemplo do futuro da sanidade pública da Mariña anunciado por Alberto Núñez Feijóo”, ao que solicitan que indique “como se atende unha urxencia urolóxica vía telefónica e a máis de 100 quilómetros de distancia”. Unha situación para a que só atopan unha resposta: “trasladando aos pacientes ao HULA como están a facer”.

Por iso demandan saber “onde anda agochado nestes momentos Feijóo para que nos relate cales son os máis e mellores servizos que ían implantar, onde está a blindaxe do hospital ou cales son os numerosos profesionais que ían vir para Burela”.

Solución ou dimisión

Do mesmo xeito, CIG Saúde A Mariña, exixen tamén á Directora do Distrito Sanitario da Mariña, María José Cortés Canay, que exerza as súas competencias e que empregue os recursos necesarios para garantir unha atención urolóxica de proximidade, e de non ser capaz de defender a atención sanitaria da veciñanza da Mariña que presente a súa dimisión.

Diante desta situación animan a todos os usuarios e usuarias e presentar reclamacións oficiais a través do servizo de Atención ao Paciente.

A central nacionalista considera que debe primarse o dereito da cidadanía a recibir unha atención sanitaria de calidade pública. Con este obxectivo subliña que “a CIG Saúde da Mariña estivo, está e estará na defensa da sanidade pública, dos dereitos das traballadoras e traballadores, do dereito dos veciños e veciñas da Mariña a contar con servizos médicos de calidade tanto no hospital como nos centros de saúde da comarca”. E anuncia que non permitirán “ningún recorte máis nos servizos públicos e no benestar social da poboación por parte do Partido Popular”.