A CIG-Saúde vén de denunciar publicamente o novo anuncio do Presidente da Xunta sobre o reforzo da inspección sanitaria. Considera que o que realmente agocha esta medida é unha nova ofensiva contra as persoas traballadoras que precisan dunha baixa laboral e unha fiscalización crecente do criterio das e dos profesionais da Atención Primaria.
A Xunta pretende vender isto como unha medida de “axilidade” e “control”, pero a realidade é que se está instalando un discurso perigoso no que as baixas se presentan como sospeitosas. O que se transmite á sociedade é que hai que vixiar ás persoas enfermas e tamén ao persoal médico que prescribe esas incapacidades temporais.
Mentres faltan profesionais nos centros de saúde, hai listas de agarda insoportables e a Atención Primaria e Hospitalaria están absolutamente saturadas, a prioridade do Presidente da Xunta é dedicar máis recursos publicitarios a criminalizar a quen está de baixa e ás profesionais que as prescriben.
O Presidente da Xunta omite, interesadamente, que somos a segunda comunidade coa menor incidencia da incapacidade laboral. Segundo datos da Seguridade Social do ano 2025, a incidencia media mensual por cada 1.000 persoas traballadoras protexidas é de 26,6 fronte á media do Estado, que se sitúa en 36,21.
A incidencia mide o número de baixas que se prescriben, polo que queda claro que as nosas profesionais da Atención Primaria non actúan con lixeireza nin prescriben unha baixa a calquera que entra pola porta da súa consulta (cando consegue chegar). Ao contrario, os datos apuntan —en coherencia co conxunto do Estado— a que se fai un uso totalmente racional das indicacións de baixas laborais.
Intencionalidade de falar de “absentismo”
Queda clara a intencionalidade de falar de "absentismo" cando nos referimos a persoas que están de baixa laboral. Unha baixa non debería considerarse absentismo. Este termo aplicaríase se unha persoa non acudise ao seu posto de traballo debendo facelo; pero unha persoa de baixa está exenta de acudir, polo tanto, non é absentista.
O problema do que se queixa a patronal, e que provoca a resposta inmediata do Presidente da Xunta (sempre ao seu servizo), é a duración dos procesos de baixa laboral.
Tanto a indicación do inicio da baixa coma a finalización (alta) son decisións profesionais que teñen que estar soportadas en criterios clínicos e nas necesidades asistenciais dos pacientes. A súa duración non depende do profesional que as indica, senón de moitos factores: as características do paciente, a idade, os antecedentes médicos, a patoloxía actual, as condicións do seu posto de traballo e, por suposto, a eficiencia do sistema sanitario.
A crise actual da nosa Sanidade Pública, tanto na Atención Primaria como na Hospitalaria, fai que a eficiencia do sistema non sexa a mellor neste momento.
En mellorar esta eficiencia é onde debería centrar os seus esforzos o Presidente da Xunta, facendo propostas para actuar sobre as causas modificables que prolongan as baixas: dotar de máis profesionais á sanidade pública, poñer en marcha un plan de choque para acurtar as listas de agarda reforzando os recursos públicos, ou mellorar as condicións laborais das persoas traballadoras (incluídas, por certo, as da sanidade pública).
Porén, o que está a facer é unha campaña mediática —iniciada xa hai máis de dous anos— na que criminaliza ás persoas que están de baixa e a quen as prescribe. Abonda con facer unha busca simple nas hemerotecas para ver o avance imparable desta estratexia, que tenta xustificar medidas de presión que, doutro xeito, non serían asumibles pola sociedade.
Papel das mutuas
CIG-Saúde leva anos denunciando o crecente papel que tanto o Goberno do Estado como o da Xunta foron asignando ás mutuas (entidades patronais colaboradoras da Seguridade Social) na xestión e control das baixas por continxencias comúns.
Ademais, preocupa enormemente a súa crecente presión sobre o sistema sanitario público. Consideramos inaceptable que se siga avanzando nun modelo onde os intereses económicos condicionen os procesos asistenciais e onde se cuestione constantemente o criterio clínico das médicas e médicos de familia da sanidade pública, que son quen mellor coñecen a situación real das persoas que acoden ás súas consultas.
As baixas laborais non son un privilexio, son un dereito conquistado pola loita de moitas e moitos que non se conformaron coa realidade que sufrían. Os dereitos no se regalan, hai que defendelos cada día. Por iso, dende CIG-Saúde seguiremos sostendo que as persoas en situación de baixa laboral nin son absentistas nin son defraudadoras.
Esiximos que os recursos públicos se destinen a reforzar a Atención Primaria, a mellorar as condicións laborais na Atención Hospitalaria e a reducir as listas de agarda, e non a montar estruturas de control e persecución sobre as persoas enfermas e sobre o persoal sanitario que realiza o seu traballo con absoluto rigor profesional.