CIG-Saúde destaca o éxito da folga xeral na sanidade pública malia os intentos do SERGAS de impedir o seu seguimento

Denuncia que o SERGAS utilizou uns servizos mínimos abusivos e recorreu a prácticas para dificultar o exercicio do dereito á folga e invisibilizar a súa repercusión
Nacional - 12 Nov 2026

A CIG-Saúde valora como un éxito a participación do persoal da sanidade pública na folga xeral do 11 de novembro, nunha xornada marcada polos abusivos servizos mínimos estabelecidos polo SERGAS e polas actuacións da Administración para dificultar o exercicio deste dereito fundamental.

Segundo os datos recollidos pola organización sindical, na quenda de mañá o seguimento foi do 40% nos hospitais e do 45% na atención primaria, mentres que na quenda de tarde acadou o 78%. Nas fundacións públicas, a participación situouse no 42 %, sendo a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica a que rexistrou o maior seguimento entre estas entidades. No ámbito do SERGAS, as áreas sanitarias de Vigo e Ferrol foron as que acadaron os maiores índices de participación. Unhas cifras especialmente significativas tendo en conta as restricións impostas pola Administración sanitaria.

Un decreto de máximos para impedir a folga

CIG-Saúde xa advertira durante a negociación dos servizos mínimos que o SERGAS non estaba estabelecendo un decreto de mínimos, senón un auténtico decreto de máximos, co obxectivo de obrigar a traballar ao maior número posíbel de profesionais.

A Administración chegou a fixar dotacións de servizos mínimos superiores ás presenzas habituais que existen en numerosos servizos durante moitos días do ano.

Para CIG-Saúde, “isto deixa o SERGAS ante unha contradición evidente: se os servizos mínimos estabelecidos para a folga non son abusivos, significa que os cadros de persoal traballan habitualmente por debaixo dos mínimos necesarios para garantir a asistencia. Ou a administración recoñece a insuficiencia dos cadros de persoal ou admite que utilizou os servizos mínimos para limitar o dereito á folga”, asevera a secretaria nacional, Ana Lestón.

O SERGAS fixo todo o posíbel para invisibilizar a folga

A organización sindical denuncia que as actuacións do SERGAS non se limitaron á imposición dun decreto abusivo, xa que durante a xornada se detectaron prácticas que CIG-Saúde considera especialmente graves:

  • Designación de máis profesionais para cubrir servizos mínimos dos previstos no propio decreto, ampliando na práctica as restricións ao dereito á folga.
  • Mobilización de profesionais para realizar o traballo das persoas que estaban secundando a folga, co obxectivo de manter a actividade ordinaria.
  • Rescisión de contratos a persoas traballadoras que decidiron exercer o seu dereito á folga no primeiro día de contratación.

Para CIG-Saúde, estas actuacións poñen de manifesto “unha vontade de impedir que a folga tivese a repercusión correspondente ao seu seguimento real”. A organización considera especialmente grave que unha administración pública recorra a estas prácticas fronte ao exercicio dun dereito fundamental.

Unha resposta contundente do persoal da sanidade pública

Malia todos estes obstáculos, a elevada participación demostra, para CIG-Saúde, que o persoal da sanidade pública respondeu á convocatoria e se sumou á mobilización por unhas condicións de vida e de traballo dignas.

Esta resposta súmase á participación masiva nas manifestacións e mobilizacións celebradas en cidades e vilas de toda Galiza, nas que milleiros de persoas saíron á rúa para reclamar unha vida digna. Para CIG-Saúde, o éxito da convocatoria evidencia o amplo rexeitamento social á perda de poder adquisitivo, ao encarecemento da vida e ao deterioro dos servizos públicos.

CIG-Saúde agradece a participación de todas as persoas que secundaron a convocatoria e denuncia a actitude dunha administración que, en lugar de respectar o exercicio dun dereito fundamental, puxo todos os medios ao seu alcance para dificultalo. “O SERGAS tentou impedir que a folga se vise, pero non conseguiu impedir que o persoal da sanidade pública respondese”, conclúe Lestón.