CIG-Saúde e a Secretaría das Mulleres da CIG apoian a demanda de manter os dereitos das embarazadas no Estado de Alarma

Colectivos e asociacións de mulleres denuncian que tanto o SERGAS como as entidades sanitarias privadas están a conculcalos

Nacional -

A Secretaría das Mulleres da CIG e a CIG-Saúde manifestan o seu apoio aos colectivos e asociacións de mulleres en demanda de que se manteñan os dereitos das embarazadas durante o Estado de Alarma polo Covid-19. Dereitos sanitarios das mulleres e das súas crianzas durante o parte que, segundo denuncian, están sendo conculcados tanto polo SERGAS como por entidades privadas. Aseguran que as mulleres embarazadas están a ver como as recomendacións da SEGO, das Asociacións de Matronas, da OMS…  son moi difíciles de acadar nalgúns hospitais galegos.

Ante a falta de uniformidade e coherencia dos protocolos de atención ao parto e nacemento dos hospitais galegos durante a crise do COVID-19, colectivos e asociacións de mulleres veñen de se dirixir á Consellería de Sanidade e a toda a sociedade galega para amosar a súa preocupación pola falta de cumprimento dos dereitos sanitarios das mulleres embarazadas, dos recén nados e das súas familias na nosa comunidade. 

Desde a implantación do Estado de Alarma polo COVID-19, as mulleres acoden á experiencia doutras mulleres a través das asociacións de lactación ou de comunidades on line como “Embarazadas Galiza”, que está a recibir a diario mensaxes coas experiencias, dúbidas e medos das xestantes, no relativo á súa relación cos centros hospitalarios das catro provincias galegas. Desde estes colectivos téntase dar resposta aos comentarios e dúbidas das usuarias sempre da man da evidencia científica e contando co respaldo de diferentes asociacións de profesionais da saúde perinatal, sendo sempre conscientes da situación extraordinaria a nivel social e sanitario na que nos atopamos as persoas, as empresas e mesmo a Administración. 

Neste contexto, as embarazadas están a ver que as recomendacións actuais da SEGO, das asociacións de matronas ou da OMS, entre outras, son difíciles de acadar en Galiza. Por unha banda, os estritos protocolos definidos por algúns centros xeran unha situación de discriminación ao determinar o lugar de residencia se vas poder parir con acompañante ou non. Por outra, nos poucos protocolos de hospitais aos que as embarazadas puideron ter acceso, atópanse medidas carentes de respaldo na evidencia científica actual.

Por iso, en representación dos miles de familias ás que axudan desde estes colectivos e asociacións de mulleres, instan á Consellería de Sanidade da Xunta de Galiza a tomar as medidas precisas para que a situación de desconcerto e discriminación xerada entre as mulleres que van dar a luz durante a pandemia chegue á súa fin.

Aproveitan ademais para solicitar que se unifiquen os protocolos de actuación en todos os hospitais galegos e que se garanta - se a clínica de nai e fillo o permite e mantendo as medidas preventivas pertinentes - o acompañamento a todas as embarazadas na dilatación e no parto, o pel con pel, a non separación de nai-bebé, o aloxamento conxunto e o apoio á instauración da lactación materna.

Situacións coma estas están a levar a moitas mulleres, de xeito individual, a presentar queixas e denuncias a través da plataforma online do Sergas.

Entenden que debido á emerxencia sanitaria na que nos atopamos pódense atopar situacións de colapso nos servizos sanitarios, pero o seu funcionamento, dotación de persoal e correcta atención aos partos non poden verse afectados até o punto de suprimir dereitos humanos, chegando a realizar de forma rutineira procedementos sobre persoas en bo estado de saúde que as poidan pór en risco, coma vimos de ver nas últimas semanas. 

Matronas galegas alertan de protocolos inadecuados

A Asociación Galega de Matronas (AGAM) transmiten tamén a súa preocupación ao considerar que os dereitos humanos das mulleres, dos seus bebés, e das propias matronas están a ser vulnerados pola introdución en moitos hospitais de protocolos inapropiados respecto ao manexo do parto normal no contexto da pandemia de Covid-19.

Denuncian que estes protocolos non se basean en evidencia actual e poden resultar prexudiciais para a diada nai-bebé. Advirten de que adoitan defender o aumento das inducións do parto e o aumento do intervencionismo no proceso, na crenza de que isto acurta a duración do mesmo, cando xa existe evidencia suficiente que demostra que isto NON é así, e que en cambio si aumenta as complicacións e a estadía media hospitalaria. “A relación entre un maior intervencionismo no parto e un aumento da morbimortalidade materno infantil foi suficientemente demostrada con estudos durante os últimos 30 anos, e a meirande parte de sociedades científicas relacionadas coa atención sanitaria perinatal expresáronse claramente neste sentido. O propio Ministerio de Sanidade publicou numerosos documentos nos que expresa a necesidade de diminuír o intervencionismo no parto, e fixo múltiples recomendacións sobre o tema que continúan vixentes na actual crise sanitaria”, lembran.

Por iso solicitan do SERGAS/ Comité de Bioética de España/ Valedor do Pobo que se pronuncie respecto diso, tendo en conta que:

- Sobre o manexo do parto normal o Ministerio publicou a Guía de práctica clínica do parto no ano 2010, nun intento de diminuír a variabilidade da atención e aumentar a súa calidade. Neste documento fan referencia a que “a medicina baseada na evidencia puxo de manifesto que a adopción dunha serie de intervencións no parto que se revelaron inútiles, inoportunas, inapropiadas e innecesarias constituíu un grave erro no que se incorreu ao tentar mellorar os servizos de maternidade”. Cremos que neste momento se está volver caer no mesmo erro.

- Intervencións médicas de rutina como a indución do traballo de parto, a cesárea e os nacementos instrumentalizados (fórceps, ventosas) sen indicación obstétrica aumentarán a probabilidade de complicacións maternas e neonatais, incrementarán a duración da estadía no hospital e acrecentarán a carga de persoal nos hospitais, todo o cal aumentará a posibilidade de exposición ao Covid-19 e reducirá a experiencia positiva do parto para as nais e as súas familias.

- Para as mulleres positivas por coronavirus existe o Documento técnico de manexo da muller embarazada e o acabado de nacer, publicada tamén polo Ministerio de Sanidade de 17 de marzo de 2020, no que deben basearse os distintos protocolos que se desenvolvan ao respecto nos hospitais dependentes do SNS.

- Toda muller e a crianza acabada de nacer teñen dereito a ser tratados con compaixón, dignidade e respecto.

- Toda muller ten dereito á información, a dar ou negar o seu consentimento e a que se respecten as súas eleccións e decisións. Isto inclúe o dereito a ter un compañeiro da súa elección con ela durante o seu traballo de parto e nacemento. O apoio continuo dun acompañante aumenta a taxa de parto vaxinal espontáneo, acurta a duración do parto e diminúe as cesáreas e outras intervencións médicas que poden causar iatroxenia.

- Non hai evidencia de que o Covid-19 poida transmitirse á crianza acabada de nacer no leite materno, polo que as mulleres que aleitan non deben separarse das súas súas crianzas acabadas de nacer. Isto defendeuse neste mesmo mes de marzo de 2020 pola OMS, a IHAN, e a Sociedade Española de Neonatoloxía.

- Cada crianza acabada de nacer ten dereito a acceder á súa nai ou pai. Ningunha nai debe separarse do seu bebé sen o seu consentimento informado. As nais e os bebés teñen dereito a permanecer xuntos en todo momento, mesmo se o bebé nace pequeno, prematuro ou con afeccións médicas que requiran coidados adicionais. O contacto entre ambos é básico para establecer un apego seguro e foron demostrados os seus beneficios na saúde da diada nai-bebé tanto desde o punto de vista físico como emocional, previndo a aparición de enfermidades en ambos a curto e longo prazo.

- O maior intervencionismo no parto e a separación na diada nai e bebé propostos por moitos destes protocolos inapropiados implican un malgasto de recursos sanitarios, tanto humanos como materiais, que non é ético en ningún caso, e menos en circunstancias de crise sanitaria.

- Segundo a OMS (18 marzo 2020) todas as mulleres embarazadas, mesmo cando se sospeite ou se confirmase que teñen a COVID-19, teñen dereito a recibir atención de alta calidade antes, durante e despois do parto. Se se sospeita ou se puido confirmar que a embarazada ten a COVID-19, os traballadores da saúde deberían tomar todas as precaucións acaídas para reducir o seu risco de infección e o de terceiros, incluída a hixiene de mans e o uso de indumentaria de protección como luvas, bata e máscara médica.

Unha experiencia de parto segura e positiva implica:

  • Ser tratada con respecto e dignidade;
  • Estar acompañada por unha persoa da súa elección durante o parto;
  • Comunicación clara do persoal do servizo de maternidade;
  • Estratexias axeitadas de alivio da dor;
  • Mobilidade no traballo de parto, de ser posible, e elección da postura do parto.

- O código deontólóxico das matronas (2011) especifica que “a matrona realizará todas as súas actuacións baseándose nos principios da bioética de autonomía, beneficiencia, non maleficiencia e xustiza, vindo protexer as mulleres e os seus fillos de intervencións que poidan ocasionarlles algún dano”.

Por todo o anterior expresan a súa oposición e a de tantas outras compañeiras de profesión deste país a participar na posta en marcha de protocolos para a atención do parto durante a pandemia de Coronavirus NON baseados en evidencia e que NON respectan os dereitos humanos as mulleres e as crianzas acabadas de nacer.

Máis info: https://www.facebook.com/matronasgalegas/  https://www.facebook.com/embarazadasgalicia

Ligazón ao manifesto: http://embarazadasgalicia.blogspot.com/2020/04/preocupacion-polos-dereitos-das.html

Volver