CIG-Saúde esixe a paralización do contrato con Eliance e licitar outro de urxencia

O sindicato reclama reforzar as ambulancias medicalizadas mentres non se recupere o servizo do transporte sanitario aéreo
Santiago de Compostela - 20 Nov 2026

A CIG-Saúde esixiulle á dirección da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galiza-061 a anulación e paralización do contrato coa empresa Eliance e a licitación dun contrato de emerxencia que garanta a prestación do transporte sanitario aéreo en condicións de seguridade. A dirección manifestou o seu acordo coa proposta, medida que xa se valoraba, e comprometeuse a trasladala á Administración de inmediato para que poida saír aproximadamente no prazo dun mes. Posteriormente traballarase nun contrato de transición.

A reunión celebrada no día de onte entre o 061 e a representación sindical prodúcese tras os reiterados problemas do helicóptero sanitario de Santiago, inoperativo desde o pasado 6 de novembro. A aeronave de substitución, chegada o día 12, tampouco puido entrar en servizo por problemas de documentación.

“As traballadoras e traballadores queren prestar o servizo e atender as emerxencias, pero precisan contar con aeronaves operativas e medios que garantan a seguridade tanto do persoal como das persoas e pacientes”, aseverou a CIG-Saúde.

Neste contexto, a central sindical reclamou tamén que se valore o aumento das ambulancias medicalizadas para tratar de suplir, na medida do posíbel, a ausencia do helicóptero até que se restableza o servizo. 

Helicóptero nocturno

Sobre o helicóptero 24h que se contempla na nova licitación, manifestaron que non vai beneficiar máis a poboación que as ambulancias de Soporte Vital Avanzado, xa que de momento non hai helisuperficies nocturnas certificadas salvo a dos aeroportos. Por iso, na xuntanza, a representación da CIG incidiu en “que ese presuposto debe ser considerado para helicópteros diúrnos que funcionen ben ou para máis UVI en zonas descubertas de Galiza, máis operativas”. Pola súa banda, a dirección dixo que valoraría a proposta.

A CIG-Saúde insistiu en que a responsabilidade desta situación non pode recaer sobre o persoal, senón sobre a empresa adxudicataria e a Administración, “que deben garantir os medios necesarios para a prestación do servizo”.

Finalmente, a central sindical considerou positivo que a dirección do 061 compartira a proposta das persoas delegadas sindicais e das traballadoras dunha nova contratación, pero esixiu que o SERGAS adopte decisións urxentes para recuperar un servizo esencial para a atención sanitaria en Galiza.