CIG-Saúde vén de remitir un escrito dirixido ao Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra para manifestar o seu máis firme rexeitamento á campaña publicitaria publicada o pasado 14 de maio baixo o lema “Confía na ciencia, confía no teu médic@”.
A organización sindical considera especialmente grave que no cartel se inclúa a frase “Me lo dijo mi enfermera” xunto a mensaxes asociadas a rumores, pseudociencia, vídeos sen rigor ou recomendacións sen base científica, equiparando así a opinión e o criterio profesional das enfermeiras e enfermeiros con información sen validez sanitaria.
A CIG-Saúde valora que esta campaña constitúe un claro menosprezo á profesión enfermeira “e unha falta de respecto cara a un colectivo sanitario con competencias propias e fundamentais dentro do sistema sanitario público”.
A central sindical lembra que as enfermeiras e enfermeiros desenvolven funcións esenciais na atención sanitaria, nos coidados, na educación para a saúde, na investigación, na docencia e na promoción da saúde, sempre baseadas na evidencia científica e na responsabilidade profesional.
Para a CIG-Saúde resulta inadmisíbel que o colexio médico de Pontevedra, que afirma defender a ciencia e o rigor profesional, contribúa a difundir unha mensaxe que desacredita outra profesión sanitaria “e fomenta unha visión xerárquica e obsoleta das relacións entre profesionais, esquecendo a importancia do traballo multidisciplinar e en equipo no ámbito da sanidade”.
No escrito remitido ao Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra, CIG-Saúde esixe:
- A retirada inmediata da campaña.
- Unha rectificación pública por parte do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra.
- Unhas desculpas públicas explícitas ao colectivo enfermeiro.
A CIG-Saúde advirte que a defensa da sanidade pública “non pode construírse desde o desprezo a outras profesións sanitarias”, e reivindica o respecto institucional e social que merece a Enfermaría como profesión esencial do sistema sanitario.