A CIG-Saúde vén de presentar un escrito ante o SERGAS no que esixe a reversión á xestión pública dos servizos de dietética hospitalaria que actualmente se prestan mediante empresas privadas, nomeadamente nas áreas sanitarias de Santiago e Lugo.
A central sindical xa denunciara en datas recentes a continuidade da externalización deste servizo no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), onde o SERGAS pretende manter en mans dunha empresa privada funcións que forman parte da actividade ordinaria e estrutural dos centros hospitalarios.
Esta situación dáse tamén noutros centros, ben mediante a externalización específica do servizo de dietética, ben porque estas funcións están incluídas dentro da privatización máis ampla dos servizos de cociña, como acontece nalgúns hospitais comarcais.
Para CIG-Saúde, estamos ante unha nova mostra da política privatizadora do PP na sanidade pública galega, ao manter en mans de empresas privadas funcións para as que o propio SERGAS dispón dunha categoría profesional específica.
Ademais, existen profesionais dispoñíbeis nas listas de contratación de persoal técnico superior en dietética, polo que o SERGAS conta cos mecanismos necesarios para recuperar estes servizos, crear as prazas estruturais necesarias e cubrilas con persoal propio.
“Non ten sentido destinar cartos públicos a empresas privadas para realizar funcións que pode asumir directamente o SERGAS, mentres hai profesionais nas súas propias listas dispoñíbeis para traballar”, denuncia CIG-Saúde.
A organización sindical reclama que o SERGAS analice a situación dos servizos de dietética no conxunto dos hospitais públicos galegos e inicie un proceso para a súa reversión á xestión pública, tanto nos casos de externalización específica como naqueles nos que estas funcións forman parte dun contrato privado máis amplo de cociña.
A CIG-Saúde levará tamén esta cuestión á próxima Mesa Sectorial de Sanidade, onde reclamará información sobre a situación destes servizos e esixirá a creación das prazas necesarias para que sexan prestados directamente polo SERGAS.
“Unha necesidade estrutural da sanidade pública debe cubrirse con emprego público. O SERGAS ten persoal dispoñíbel e capacidade para recuperar estes servizos; o que fai falta é vontade política para deixar de alimentar a privatización”, conclúe CIG-Saúde.